Nun pobo de Cuenca, unha nai, que era garda civil, en trámites de divorcio, matou ás súas dúas fillas de 9 e 11 anos e suicidouse. Un caso típico do que en psiquiatría chámase síndrome de Medea: o homicidio dos fillos por parte dun proxenitor para vingarse do outro membro da parella. O homicida pode ser home ou muller.
Pódese evitar esa situación que leva a un dos pais a matar por vinganza aos fillos? Neste caso, a nai era garda civil, tiña experiencia no seu traballo e fora condecorada en dúas ocasións. Pregúntome se as probas psicolóxicas que deben superar os que queren entrar nas Forzas Armadas son suficientes, e si se fan revisións periódicas para asegurar que, en situacións de estrés, o seu comportamento sexa adecuado e proporcional ao problema ao que se enfrontan, e non sobreactúan, como nos asaltos ao valo de Melilla, por exemplo, e sexan capaces tamén de xestionar o estrés provocado por un divorcio: ela quería trasladarse a Alxeciras e levar ás nenas, e o seu ex opoñíase.
O tráxico do asunto é que dispoñer dunha arma non é importante. O que quere matar sempre atopa a maneira de facelo. Na sociedade actual creo que é practicamente imposible evitar esas mortes. Se os psicólogos deixasen de ser un artigo de luxo dalgúns colexios e houbéseos tamén nas empresas e nos departamentos das universidades e nos ambulatorios… E se a sociedade comprendese que acudir a un profesional da psicoloxía non é un signo de debilidade, como non o é ir ao dentista ou ao traumatólogo. E se fósemos capaces de vivir o amor como unha entrega a fondo perdido e non como unha posesión egoísta… Non sei, quizais entón esas nenas estarían hoxe xogando na praza do seu pobo.