O de Shakira

Francisco Castro ESCRITOR E EDITOR DE GALAXIA

OPINIÓN

ALBERT GEA | REUTERS

14 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O día en que Shakira lanzou o vídeo da súa canción, ademais de romper un récord de descargas que ostentaba Despacito, rachou outra marca: a de señoros enfadados nas redes sociais dicíndolle que era unha bruxa por facer unha canción na que axustaba contas co seu ex marido, o xogador de fútbol e empresario Gerard Piqué. O argumento de toda esa xente, na meirande parte homes, pero tamén moitas mulleres, é que a cantante colombiana tiña que pensar nos seus fillos, e no que ían pensar o día de mañá cando sexan conscientes do que di a canción. O argumento ten pouca base porque o máis probable é que o entendan como o que foi: un desafogo dunha persoa ferida que, ademais, é artista e usa a súa arte para o que lle peta, neste caso para facer unha canción na que o pon fino. Algo que se leva facendo toda a vida nas artes, tanto na música como na literatura. Non hai que irse aos famosos intercambios de insultos entre Quevedo e Góngora. Quen máis quen menos, dos que nos dedicamos a escribir, temos exorcizado ás veces algún fantasma nos nosos libros. Lennon mandoulle torpedos de moita profundidade a McCartney na súa canción How do you sleep?, onde lle dicía de todo: mal compositor, chorón, parvo. Paul, pola súa banda, contestoulle con Let me roll it, imitando a súa voz e mandándoo a tomar vento.

O que se agocha detrás da reacción viral contra Shakira é simplemente machismo. O que se espera dunha muller que sufre un desengano provocado por unha infidelidade, é, para moita xente, resignación, silencio, e chorar moito na casa. O que non se espera é que faga unha canción ocorrente, pegadiza, moi divertida, empoderándose. Porque iso é do que fala a letra. Nunha lectura superficial podemos pensar que o obxectivo é insultar a Piqué, mais, se atendemos á letra con atención, veremos que en realidade do que fala é da liberdade, da súa liberdade como muller. Di que xa non lle importa. Que agora, ademais, vai facturar (a millonada que vai gañar coa canción xa a podemos todos maxinar). Que ela vale moito. Que está tranquila e orgullosa. Que está feliz.

É a canción dunha muller empoderada que xa nin sequera pide respecto porque se sabe mellor que calquera. E iso, dende logo, non é algo que lle agrade ao machismo circundante que, para estes casos, como digo, esperan unha actitude «máis feminina» de expresión de dor, delgadez, reclusión na casa e depresión. Shakira está contenta. Está guapa. Shakira baila. Está dándolle unha lección a todo o mundo de como hai que afrontar certas cousas na vida.