De Madrid a Bogotá

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

CJ GUNTHER | EFE

18 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Ás veces é necesario un cambio para aceptar as limitacións propias, algo que coñeces pero que non acabas de asumir: que oes peor, ves peor, cánsaste máis, tes menos forzas e non podes atender a varias tarefas á vez. Hai anos, eu ía a Estados Unidos alegremente, como a unha excursión, tanto á costa este como ao oeste. Adoitaba chancear dicindo que tardaba menos en chegar alí que en ir a Mondoñedo. Teño que engadir que a viaxe á miña vila mellorou, e que eu empeorei.

Viaxei coa familia do meu fillo maior, que reside temporalmente por traballo en Bogotá. Levantámonos ás 4.30 da mañá para estar no aeroporto á 5.30, tres horas antes do embarque. E o de sempre: multitudes, colas interminables, salas de espera ateigadas —excepto as vips—, longos desprazamentos polo aeroporto duns niveis a outros, un tren que che leva a outra terminal, controles minuciosos e demorados. E dez horas e media de voo. Cando cheguei á casa dos meus fillos só tiña ganas de meterme na cama, e clara conciencia das miñas limitacións. Acordeime con dor dos amigos e colegas da miña idade que nestes dous anos de pandemia iniciaron a viaxe sen retorno. Eu aquí sigo. A casa na que estou é preciosa e a contorna moi interesante. Procurarei gozalo. E xa lles irei contando.