Os teatros da sedición e da secesión

Xosé M. Núñez Seixas CATEDRÁTICO DE HISTORIA CONTEMPORÁNEA DA USC

OPINIÓN

María Pedreda

18 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

A reforma dos delitos de sedición e de malversación sancionada de maneira rápida pola maioría parlamentaria que dá sustento ao Goberno de Pedro Sánchez converteuse nos últimos tempos nunha munición de groso calibre para os seus detractores. Tratábase abofé dunha regulación un tanto anacrónica dun tipo delictivo tamén discutíbel, o da sedición, afirman moitos expertos en leis. Outros ven nela unha mostra máis da conxura arredista contra España da man dunha esquerda irresponsábel e populista, cando non un xesto case ditatorial de Sánchez. E outros máis unha concesión insuficiente que non abonda para resolver un problema de fondo inconcluso: a satisfacción das demandas do soberanismo catalán, apoiadas por unha maioría social que reclama poder votar dalgunha maneira nun referendo pactado verbo do seu estatus político futuro.

Que unha parte moi importante do catalanismo político se radicalizou, e que o independentismo veu para ficar nun nivel de apoio notábel, é unha realidade. E con ela haberá que facer política, coa cabeza e non coas vísceras. É un encaixe difícil de sensibilidades contrapostas. E moito teatro. A política éo en parte, certamente. Mais cumpriría escolmar o gran da palla. Sánchez depende dos seus socios parlamentarios e se ve forzado a concesións para sectores do seu propio partido inasumibles, adoito máis polos tempos que polo contido en si dalgunhas delas, do que a sedición pode ser un exemplo. Tamén puxo liñas vermellas a ERC: o referendo pactado non procede. En Cataluña é unha evidencia inconfesa que o procés, como se concibiu hai dez anos, leva tempo morto: que un antigo dirixente da ANC (e da indepe Crida a la Solidaritat, hai décadas) como Jordi Sánchez o afirmase é proba abonda. Mais poucos recoñecen que o rei vai espido. É tamén evidente que a opción da independencia unilateral é moi minoritaria, logo do farol (Ponsatí dixit) de outubro de 2017. E que Esquerra aspira a ser un partido de esquerda institucional e razoábel, tamén. Mais poucos o recoñecerán.

Os fogos de estralo retóricos seguirán a domear a política catalana durante moito tempo. Non só a catalá, pois a política española os reflicte nun espello invertido, e retroalimenta os sentimentos de aldraxe. A reforma do delito de sedición ou a faramalla retórica dende Barcelona serve á oposición en Madrid, diante todo ao PP, para espertar a pantasma da secesión catalá e acusar ao Goberno de Sánchez de vendepatrias. Conténtase así a unha parte do electorado tentado de irse cara a Vox, na defensa da España unha, co contrapeso dalgúns xestos de moderación. Mais a competencia da ultradereita, e do fogo amigo, vai facer difícil continuar co discurso da xestión autocentrada. A retórica de Barcelona serve de arrolo para a propia retórica da política madrileña/española: no fondo, necesítanse para recrear unha imaxe do outro.

E que pinta Galicia nese xogo? Nada. A incidencia do noroeste galaico nas dinámicas políticas do Estado e nos debates sobre a súa vertebración territorial é case nula dende a época de Fraga, se non dende denantes. Hai poucas ideas que fornecer ao debate político xeral. Pensouse que se podía exportar sentidiño ás augas revoltas da dereita española, mais está visto que baixan moi bravas e cos perfís de xestión non chega. Ou quizáis un soberanismo pausado e diferente, que polo de agora non ten visos de obter maiorías sociais abondas. Doutras opcións, coma sempre, só veñen localismos, ou arelas de sumar non se sabe que. Coma sempre, Galicia non sae nin prexudicada nin favorecida. Sinxelamente, apagadas as luces de Nadal, é invisíbel. E ninguén a agarda.