O avó de Marta

María Canosa
maría Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Eduardo Briones | EUROPAPRESS

23 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Os avós son eternos. Pecho os ollos e fórmaseme a imaxe do meu mentres sorrí e escoito a súa risa afónica. Visualizo tamén as súas mans e paréceme telo ao carón, como cando coidaba das miñas febres, sentado ao pé da cama. Miro a meus pais cos seus netos e penso que eles van ser igual de perdurables.

José Antonio Casanueva é o avó de Marta del Castillo. Abre unha declaración pública dicindo que ten 86 anos e xa lle queda pouco camiño. A lei de vida deulle as costas e Marta marchou antes ca el. Pero segue a ser a súa neta, e el o seu avó. O amor e coraxe que lle ten demostrado ese home faime chorar. Admiro a súa fortaleza, o seu saber estar, a enerxía que se impón para tomar o temón da vida, termando dunha familia devastada polo asasinato dunha adolescente. Mantéñense en pé, o que me parece un milagre. Non sei se eu o daría soportado.

A elegancia coa que se desenvolve outórgalle maior autoridade. Mantivo as formas sempre, sen restar contundencia ás peticións. Non son pregarias, sería parte da xustiza que o mundo lle debe. El leva a Marta no corazón, pero quere ter un lugar físico ao que ir chorarlle ou seguir falándolle, con esa tenrura que só desprenden os avós. Segue pelexando e asegura que morrerá buscando o cadáver da súa neta. Sei que os asasinos non terán piedade del, como non a tiveron con Marta. Pero deberemos manter activos todos os mecanismos que favorezan un esclarecemento. É o mínimo que lle debemos a ese avó, a Marta e a nós mesmos como sociedade.