Con Ortega y Gasset pásame como con Picasso: interésame a súa obra toda, pero cando a estudo é tanta a que me irrita como a que me admira. O ensaio La deshumanización del arte, de 1925, provócame ronchas polo insoportable elitismo do autor, empeñado en dividir as persoas en egrexias e vulgares; e non porque unhas tiveran acceso á cultura que ás outras se lles nega, senón porque as egrexias posúen cualidades das que as vulgares carecen. Próbao a súa reacción ante a arte das vangardas: fauvismo, expresionismo, surrealismo, abstracción, dadaísmo… Como é unha arte «de aristocracia instintiva», o egrexio descobre o segredo e gózaa; o vulgar non a entende e rexéitaa. Ortega exprésao dun xeito soez: «Dondequiera que las jóvenes musas se presentan, la masa las cocea».
Haberíalle que preguntar se na masa que coucea incluía o crítico de arte Louis Vauxcelles, que deu nome ao fauvismo e ao cubismo, pero rexeitaba todos os «ismos»; e a Matisse, que renegaba da arte abstracta; e a Grosz, responsable de propaganda do movemento dadaísta, que escribiu na autobiografía: «Moitos críticos, por seguir a moda, comentaban aquelas pezas moi en serio. Só o pobo chan, o que non entende de arte, dicía que as obras dadaístas eran unha merda. E tiñan razón».
Hoxe si podemos falar de progresiva deshumanización da arte, por dúas razóns. Primeira, porque os saberes artísticos nada valen. Debuxar, gravar, pintar, modelar e tallar con xeito son valores propios do artesán, non do artista, que debe limitarse a «concibir» a obra, polo que todos os meus lectores son artistas en potencia, aínda que non o saiban. A consecuencia inmediata é que o coleccionista de arte non adquire a obra polos seus valores estéticos, senón pola cotización do autor no mercado. Pódeslle levar un gravado anónimo que asinaría o mesmísimo Rembrandt, que non o quere; en troques mercará obra dun artista reputado, por mala que sexa. A outra razón está no uso, cada vez maior, que o creativo fai das novas tecnoloxías. Antes de coñecer o Photoshop, eu daba cor ás viñetas da Voz con témpera ou acuarela; e se erraba, amolábame porque non había remedio. O Photoshop permitiume errar mil veces e corrixir outras tantas en poucos segundos. E que dicir da tablet, que me deixa ver a tele e debuxar ao mesmo tempo. Hai outros programas cos que os novos fan virguerías, pero eu descoñézoos porque o verdadeiro pracer de crear síntoo ao garabatear no bloc co lapis de grafito. Porén, isto é nada ante o que a intelixencia artificial promete: todos poderemos ter na casa un Goya, un Van Gogh ou un Luís Seoane feitos por nós mesmos no ordenador. Onde pode levarnos a intelixencia artificial non o sei; pero á total deshumanización da arte, seguro.