Lapis e tanques

OPINIÓN

PRESIDENCIA DE UCRANIA | EUROPAPRESS

01 feb 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Nas administracións públicas hai algunha persoa corrupta, pero tamén hai casos contrarios e exemplares. Lembro unha compañeira que o día da xubilación sorprendeunos devolvendo un par de lapis que collera e levara á casa sen querer. Aquilo, a moita xente pareceulle ridículo, mesmo un acto de vaidade. Mais, os que a coñecemos, sabemos que nese xesto se concentraba a súa despedida, o orgullo de funcionaria pública e o seu odio a calquera tipo de corrupción.

Lembro o desgusto cando soubo que nunha ONG das moitas das que é socia os directivos desviaran cartos para outros fins dos previstos. Aquilo doeulle polo dano indirecto que lles estaban a facer as persoas máis necesitadas. Non quero nin imaxinar o que pensará dese viceministro ucraíno que, no canto de xestionar a axuda procedente de Occidente, se lucrou coas comidas das tropas; ou esa ducia de responsables do Goberno que outorgaron contratos de obras a empresarios amigos para reparar estradas, entregar xeradores eléctricos ou mesmo apañar un coche que era unha doazón humanitaria.

É certo que Ucraína xa era un país cun alto grao de corrupción antes do estalido da guerra, onde o pago de subornos alcanzaba calquera ámbito da vida. Por iso, as destitucións ditadas por Zelenski axudarán a apagar de momento os receos sobre o destino final deses fondos ou o medo a que calquera deses tanques rematen en mans de traficantes de armas. Non queda outra. E do mesmo xeito que a miña antiga compañeira segue a limpar as praias no seu tempo libre, malia que outras persoas non paran de botar lixo nelas, Occidente terá que correr un risco semellante para forzar, cando menos, o desgaste militar de Rusia ou unha saída negociada. O contrario sería terrible porque se Ucraína cae, Putin xa non se deterá.