A pandemia favoreceu a existencia de dous mundos paralelos: o da natureza, que é o mundo das árbores, as plantas, os ríos, o mar, as rúas e algunhas tendas pequenas onde venden pan, froitas, carne e peixe. Está habitado sobre todo por anciáns que pasean amodo, sós ou coa súa muller, levando na man unha bolsa de plástico coa súa compra do día. O mundo virtual está habitado por persoas que viven conectadas a unha pantalla, a do móbil, a tableta ou cousa similar: só ven e oen o que se reflicte na súa pantalla ou lles chega a través dos seus auriculares. A comunicación cos seus semellantes realízase exclusivamente por ese medio. Moitos deles traballan en pequenos cubículos, separados por biombos. Poderían falar directamente co seu colega, para preguntar calquera dúbida ou para quedar a tomar un café, pero prefiren facelo dixitalmente. E os seus xefes, os que teñen un despacho con vistas ao exterior e unha gran mesa de traballo, tampouco ven o mundo da natureza, só ven e oen o que lles chega a través non dunha senón de múltiples pantallas.
A cita previa xurdiu na pandemia para evitar aglomeracións de persoas que se contaxiasen mutuamente, pero converteuse nunha barreira entre os dous mundos. Os anciáns xa non poden ir ao seu centro de saúde ou á Administración como fixeron sempre. Agora vense obrigados a solicitar unha cita, pero ninguén contesta ao teléfono que debía proporcionarlla, e, se deciden ir en persoa, un garda impídelles o paso porque carecen de cita previa que deben solicitar dixitalmente, cousa que non saben facer.
O mundo virtual non se inquieta, sabe que é un problema que se arranxará só: os anciáns morreremos pronto e xa só quedará o mundo das pantallas interconectadas e unha natureza cada vez máis degradada porque ninguén a mira nin a escoita.