Cando, en 1929, Salvador Dalí chegou a París, os asinantes do Manifesto Surrealista, como Bretón ou Eluard, aceptárono inmediatamente como un dos seus. Considerábano un surrealista avant la lettre. Ou sexa, alguén que xa era surrealista sen coñecer previamente o surrealismo e que, de feito, os superaba.
O luns pasado, un compañeiro entrou na sala de profesores falando tamén de surrealismo, en relación coa situación que acababa de vivir nas oficinas da Xerencia Territorial do Catastro. E pensei eu que debía tratarse tamén dun surrealismo avant la lettre, porque ao persoal administrativo do catastro, en principio, non se lle presupoñen especiais coñecementos artísticos nin literarios.
O caso foi que ao señor catedrático non se lle ocorre outra cousa que acudir a unha administración do Estado sen cita previa. Ante a imposibilidade de atendelo, e supoño que debido á súa insistencia, o garda de seguridade ofrecéuselle a intentalo por teléfono (digo eu que igual o recoñeceu, ten un fillo no instituto e por se acaso). O caso foi que acabou falando por teléfono cunha señora que estaba a escasos metros, e á que lle era imposible atendelo presencialmente, pero que o fixo por teléfono, para maior gloria das compañías do mesmo nome.
A min, que son un gran amante do surrealismo, aínda nunca me ocorreu tal cousa. Probablemente porque son máis precavido e pido cita previa. En todo caso, unha vez que cheguei media hora antes da cita, o funcionario de quenda decidiu, pola súa e risco, atenderme antes. Digo eu que igual se sentía incómodo por estar alí os dous mirando un para o outro e sen facer nada.
O outro día comentábame un funcionario autonómico, que leva temas relacionados co emprego, que hai xa tempo que non teñen un teléfono, nin un referente, para contactar coa Seguridade Social, sen dúbida a administración paradigmática do peche administrativo. Pero isto, penso eu, non debe pertencer ao surrealismo, senón, máis ben, ao realismo máxico, porque realmente fai falta maxia para que as cousas así funcionen.
Con respecto ás recentes declaracións do Goberno de que o sistema funciona e, por riba, de que se pretende que os funcionarios non se estresen (obviando o estrés dos administrados), non teño aínda moi claro se estamos falando de arte conceptual (porque tratan de vendernos a moto, pero sen moto) ou de novo brutalismo.