Terremotos e acción humanitaria en Siria e Turquía: 10 medidas

Xosé María Torres Bouza FARMACÉUTICO E MEMBRO DE FARMAMUNDI

OPINIÓN

RONEN ZVULUN | REUTERS

10 feb 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O terremoto de 7,8 graos que sacudiu o pasado luns o sur de Turquía e o noroeste de Siria, con máis de 20.000 mortos, empraza á acción humanitaria da comunidade internacional. Coa experiencia de sucesos similares, podemos indicar dez principios a aplicar na actual crise:

1. Rapidez. Con edificios destruídos e vítimas entre os entullos, as primeiras 48-72 horas son fundamentais. A axuda de emerxencia exercida polo propio país ou de países próximos é a mellor. Ou de países algo distantes pero que a envíen vía aérea, como a ofrecida por España 5-6 horas tralo terremoto.

2. Estar preparados. A Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (Aecid), dirixida polo galego Antón Leis, dispón do equipo Start, formado por uns 50 profesionais, sobre todo sanitarios, que poden despregarse en menos de 72 horas.

3. Coordinación entre gobernos e oenegués. Xa hai problemas de conxestión nos aeroportos do sur de Turquía coa chegada de axuda de diferentes países. A existencia do mecanismo europeo de protección civil, no que participa Turquía, como país non UE, facilita a coordinación.

4. Liderazgo. No terremoto de Haití de 2010 a xestión do aeroporto de Puerto Príncipe, a capital de Haití, foi asumida polo exército dos EE.UU., con capacidade para ordenar o tráfico nunha zona devastada.

5. Distribuír a axuda. A traxedia afecta a dous países, Turquía e Siria. O segundo está en situación de guerra larvada e dividido en zonas (kurdos, rebeldes, Goberno central, ISIS...), polo que a maior parte da axuda se dirixirá a Turquía, pero os sirios tamén precisan da nosa solidariedade.

6. Altruismo. A axuda debe ser gratuíta, evitando ideoloxías, relixións, bandeiras ou símbolos que molesten, como as cruces en países musulmáns. E atención ao envío de alimentos con derivados porcinos a estes países.

7. Axuda eficaz, non publicitaria. O Goberno español anunciou o envío de dous buques, o Juan Carlos I e o Galicia, con 500 infantes de Marina. Habería que saber que poden ofrecer fronte aos 500.000 membros que ten o Exército turco.

8. Utilidade. As potabilizadoras de auga poden ser útiles para evitar infeccións e epidemias.

9. Fuxir de protagonismos. Pode ser máis útil a axuda indirecta ou delegada, a traveso doutros países que teñan persoal que falen o idioma da zona.

10. Avaliación. Pasada a emerxencia, compre analizar os éxitos e os fracasos na resposta, para unha mellor execución na seguinte emerxencia.