Ese bo veciño

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

ASOCIACIÓN ARMADIÑA

14 feb 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Todo o que agora se sabe dese señor, tan bo veciño, o que dá os bos días cun sorriso, é que é un asasino. Efectivamente, é profesor, pai, bo colega. E ademais, un criminal que, despois de pasar a tarde cos fillos, lle asestou un par de machetazos á súa exmuller diante dos rapaces, así aprenden do que é capaz un bo veciño fóra de si.

Todo o que se sabe do profe de matemáticas do instituto, o substituto que convidou a café, é que é un asasino. Efectivamente, non parece mal tipo, pero matou a ex. Deixouna no medio dunha poza de sangue coma unha boneca rompida. Coma se en lugar dun asasinato cometese unha trasnada, baixou a ollada e non volveu abrir a boca desde entón.

Todo o que coñecemos dese home nin novo nin vello, nin rico nin pobre, nin listo nin parvo, ese calquera, é que é un criminal machista; un coma os que saen na tele e parece que nunca van ser nin o veciño dos bos días nin o substituto de mates. Pero son.

Se no pasado ano o 016 recibiu 49.664 chamadas en Galicia, pero só arredor de seis mil mulleres foron acudidas pola policía, iso significa que entre os machistas violentos hai unha chea de bos veciños, profes de mates e tipos normais que, nunha soleada tarde de domingo, matan a machetazos á súa ex porque se lles cruzou un cable.

Pero non nos enganemos: os cables non se cruzan tan á lixeira, ou habería máis asasinatos neste país onde, fóra dos crimes machistas, tampouco é que se mate tanto. Os cables crúzanse porque aceptamos coa boca pequena que aproximadamente un de cada vinte amigos, veciños ou compañeiros sexa violento coas mulleres. Pensamos que son unha especie de tolos que matan, pero que, en condicións normais, non matarían unha mosca. Mais que son condicións normais?

Velaí o problema: moscas e mulleres imos no mesmo saco.