Jean-Pierre Sauvage, premio nobel de química no 2016, faloume un día da súa fascinación pola fotosíntese, coa cal as plantas collen enerxía do sol e CO2 da atmosfera para fabricaren alimento a partir do que sacan do chan. Por riba, nese traballo liberan osíxeno. O sostén do noso planeta. Iso si, a eficiencia dese proceso é moi baixa: unha árbore típica só almacena en biomasa en torno ao 1 % da enerxía do sol. Sauvage tamén me falou dos intentos de reproducir artificialmente esa fotosíntese, un dos maiores soños da ciencia. A día de hoxe pódese imitar algún dos seus pasos e mesmo mellorar lixeiramente a súa eficiencia, pero estamos lonxe da virtude das plantas, que ademais xa se espallan elas soas sen que ninguén as constrúa nunha fábrica.
Escribo isto ao ler que se vén de descubrir que un terzo das mortes por calor poderían evitarse plantando máis árbores nas zonas urbanas. Malia iso, no noso país sábese constantemente de absurdas tallas de árbores, que se perpetran esquecendo a milagre que son e, sobre todo, desprezando os moitos anos que necesitou a natureza para construílas. Un amigo contábame hai uns días que en moitas poboacións galegas hai agora menos árbores que hai décadas. Parece que tendemos a cambiar árbores por cemento, a consideralas un estorbo, á demencia de considerar que as follas que caen no chan son incluso máis lixo que o plástico.
Antes de tallar unha árbore nun espazo urbano pense que, se planta unha nova, terá que esperar a ser vello para vela tan esplendorosa como a que acaba de matar.