
«Tecín soia a miña tea…» escribe Rosalía de Castro nun dos poemas do quinto libro de Follas Novas (1880), libro dedicado moi fundamentalmente á muller galega que, co seu home fóra, na emigración ou na guerra, terma da casa, terma da familia, terma dos fillos e das leiras, terma do mundo e da estirpe, terma da memoria e, cando xa parece que non queda nada e todo se esborralla arredor, terma tamén da esperanza. Viúvas de vivos, viúvas de mortos, tal que titulou esa parte do poemario, acaso un dos máis intensos da súa produción: «…Soia vou por leña ao monte / soia a vexo arder no lar…». Vai alá un ano dende que encomezou a guerra na Ucraína, a invasión do exército ruso contra a república veciña, e non se albisca no horizonte un final. Dezaoito millóns de refuxiados, case que 170.000 en España e 3.000 en Galicia, segundo as cifras oficiais. Dende a Segunda Guerra Mundial non se lembra un exilio masivo destas características en Europa. E o 75 % dos refuxiados son mulleres: a inmensa maioría. Mulleres que tiveron que deixar a casa, as leiras, unha parte da familia, o mundo todo que habitaban para salvar aos fillos e, acaso, a memoria, a miles de quilómetros de distancia. Soas. «Nin na fonte nin no prado, /así morra coa carrax, / el non ha vir a me erguer, / el xa non me pousará...», continúa Rosalía. Cadra o día en que lembramos á nosa poeta co primeiro aniversario da traxedia ucraína. E ben sabemos que hai outras traxedias no mundo, outros éxodos e catástrofes en Siria, en Turquía, nas pateras do Mediterráneo, no inmenso e sangrante continente africano, nos pasos do Río Grande en América, en Asia… Falamos de Ucraína, como antes dos Balcáns, porque a temos máis perto de nós e porque, no xogo de intereses estratéxicos, Occidente pon o foco na ferida, mais a traxedia é unha realidade que nos interpela e avergonza. «O meu homiño perdeuse — canta o verso rosaliano— ninguén sabe en onde vai…». Dende o poema á realidade presente transcorreron máis de 140 anos, pero o desgarro segue sendo o mesmo, aínda que algunhas circunstancias muden. A muller de Rosalía tece soa a súa tea igual que os centos de miles, millóns de mulleres que deixan estes días os seus fogares e que se ven forzadas á soidade, á inseguridade, á incerteza do futuro, o medo, a angustia polos seus seres queridos. Volvo ao poema e, inevitablemente, viaxo no tempo a aqueles días nos que as nosas xentes sufrían castigos parecidos. Sobre todo as mulleres, repito, que aquí ficaban, termando do mundo. A elas dedica Rosalía o seu libro, «escrito no medio de todos os desterros». A elas, «soias o máis do tempo, tendo que traballar de sol a sol e sen axuda para mal manterse, para manter os seus fillos, quizais o pai valetudinario…». A elas, ás de antes e ás de agora.