O conflito laboral, como xa saberán, vén de lonxe, das reformas procesuais e orgánicas introducidas na Administración de Xustiza a partir do 2009, que quixeron transformar o vello Poder Xudicial nun Servizo Público de Xustiza para o que, entre outras moitas medidas, se descargou dalgunhas competencias aos xuíces e maxistrados, facultades que se atribuíron aos letrados da Administración de Xustiza (LAX). O ministro da época deixouno claro: «Os LAX pasades a ser a “pedra angular” da Administración de Xustiza».
Esta mudanza foi tan transcendental que deu lugar á primeira folga de xuíces de España e a un moi serio manifesto, asinado por medio cento de catedráticos de dereito procesual, que consideraban que aquela norma subtraía «aos xuíces e maxistrados e confiaba aos LAX […] resolucións con importantes efectos xurídico-materiais que só deberían estar a cargo de xuíces e maxistrados independentes». Malia esta motivada oposición, o plan político seguiu adiante.
Recordarán que dende o 2008 unha feroz crise económica asolaba España polo que o Goberno comprometeuse a adecuar o salario dos LAX a esas novas funcións, cando a situación económica o permitise.
Dende aquela, e inspiradas no mesmo modelo, chegaron outras normas que incrementaron as facultades, competencias e responsabilidades dos LAX sen que ningún ministro de Xustiza atopara un intre para estudar a adecuación salarial. A aplicación desas reformas determinou unha mellora no funcionamento da Xustiza (datos do Consello Xeral do Poder Xudicial) porque a distribución de competencias permitiu unha eficacia e eficiencia, sen dúbida insuficientes, mais até o intre descoñecidas nos xulgados.
Ao fin, o 4 de abril do 2022, e tras múltiples negociacións, moita paciencia dos LAX cos distintos Gobernos e algúns paros parciais, a actual equipa ministerial comprometeuse, entre outras reivindicacións senlleiras do colectivo (implantación dun sistema de carreira profesional; actualización do regulamento orgánico do corpo; inclusión dos LAX no sistema de prevención de riscos laborais do Ministerio de Xustiza...), a impulsar «a vinculación das retribucións dos LAX ás da carreira xudicial» como instrumento para a adecuación prometida no 2009.
Tras ese compromiso ministerial, os letrados da Administración de Xustiza desconvocamos o paro de tres días previsto para abril do 2022. Case que un ano despois, o ministerio non fixo nada para cumprir a súa promesa, e nós, esgotada a negociación e os paros parciais, convocamos esta dolorosa folga pola que non nos cansamos de pedir desculpas a todos os prexudicados.