Se me gusta o fútbol é precisamente por xogadores como Amancio Amaro que habitaban os cromos da miña infancia e a ilusión de calquera aspirante a goleador.
Hai un día que está marcado no almanaque das mellores emocións. Foi o 16 de decembro de 1973, cando eu apenas tiña nove anos e o meu pai e mais o famoso Marucho de Xinzo me levaron a Balaídos para vermos o equipo celeste, que era o meu, xogar contra o Real Madrid, que era o do meu pai, pero que contaba nas súas filas cun ídolo que todos adorabamos: Amancio. Fora unha viaxe accidentada porque o coche do meu pai nos deixou tirados en Ourense e tivemos que coller o tren para, aínda así, chegarmos a tempo e ver un partido emocionante con vitoria local. Amancio non marcou ese día. Iso si, as bancadas estaban ateigadas de xente e todos os arreguizos que unha persoa poida ter concentráronse no meu corpo durante esas dúas horas inesquecibles que se prolongaron outro tanto, porque, unha vez rematado o encontro, como xa tiñamos que coller un taxi de volta e tanto nos daba a hora da volta, o Marucho, que as sabía todas, levounos á cafetería onde adoitaban ir os futbolistas logo do partido. E, efectivamente, alí estaba unha morea de xente na procura de autógrafos de Fernández Amado, Jiménez, Pirri, Netzer e, sobre todo, de un Amancio apoiado na barra, tomando un café e mais un donut e negándolles a todos a súa sinatura, mesmo ao meu pai. Con todo, o Marucho, que era un ser teimudo, empurroume para que eu o intentase e velaí estou tirando do abrigo dun deus que dá a volta cara a min e me ofrece a delicadeza dun sorriso mentres asina na capa dun libro azul que é a historia do Celta e, a partir dese intre, o tesouro máis prezado da miña infancia.