A princesa domada

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

Europa Press Reportajes

16 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

En 2012, Disney estreou Brave, que, en España, non se traduciu co literal Valente, senón cun Indomábel que delataba o soniquete machistoide da peli: por que habería que domar a Mérida, esa princesa escocesa de cabelos alporizados que parecía que sempre viña de queimar un suxeitador? A mensaxe era clara: se pretendes actuar como calquera primoxénito facendo cousas de tíos, serás debidamente castigada, ti e todo o teu clan. Para quen non a vise, en realidade, a historia non trata exactamente diso, senón de nais e fillas, outro temazo patriarcal.

Igual que ás monarquías europeas, a Disney custoulle un par de lustros e un #metoo saír do soniquete. Agora as princesas estudan en Hogwarts, aspiran a ser futbolistas e, nalgún caso, mesmo pretenden organizar festivais de filosofía. Agás en España, que sempre fomos de pasarnos de freada: xa poden vostedes esperar sentados a iso de que a herdeira faga o que queira sempre e cando saiba as catro cousas esenciais para non deixar mal o sistema medieval polo que recibe os privilexios. Aquí, nesta España en que Leonor podería ser —por fin— Carlos VII con só ir ao Rexistro, El-Rei, coma calquera pai español, decide por ela que, tamén igual que as demais, bote os tres mellores anos da mocidade aprendendo a facer unha guerra na que xamais lle permitirían participar... por princesa.

Leonor non é Brave, senón só a monicreque dunha monarquía que dá tumbos na procura de gustarlle a un pobo que xa non ten nada que ver nin con ela nin co exceso militar de corenta anos de ditadura. Que oportunidade perdida de que Leonor sexa, por unha vez, todo o normal que nos din que é! O certo é que, aínda que en Zarzuela lles pareza abraiante, tanto nos ten que estude, que non estude, ou que marche de farra co curmán e o avó, como tantos ancestros.