De onde virá a relación entre as azafatas de voo e as mulleres obxecto? Terá que ver coa época cando as que non chegaban a modelo tiñan como alternativa ser azafata? Probabelmente sexa anterior, algo de cando os voos comerciais eran un luxo que, entre outras comodidades, ofrecía como criadas a guapas mulleres vestidas de oficinistas. Sexa como for, o certo é que calquera que hoxe suba nun avión aínda detectará un tendencioso sexismo nos uniformes de azafatas e azafatos, quizais porque levan roupa máis axeitada para un bufete de avogados que para un traballo onde se inclúe a posibilidade de ter que lanzarse en paracaídas.
Nas últimas dúas décadas, os avións pasaron de lugares onde unha sentía que podía estrelarse con clase a salóns de xogo con ás onde o asento cheira á suor do viaxeiro anterior. Pero esas azafatas impecábeis, co sorriso instalado de quen xamais deixará entrever que ten unhas miserábeis condicións laborais, esas seguen aí, a modo de sinal de identidade da aviación, para lembrar á pasaxe que, mesmo na pobreza, un avión sempre ofrece a posibilidade de recrear a vista nunha muller en tacóns e roupa axustada polo estreito corredor.
Poderían estabelecer un bonito chándal corporativo. Pero non. A día de hoxe, unha compañía barateira coma Vueling só aplica o baixo custo aos seus azafatos, aos que esixe ir limpos e aseados, mentres que elas teñen que cumprir, sobre uns tacóns de entre 5 e 8 cm, un código de maquillaxe que nin unha sesión de fotos casual para Vogue. Despreocúpense, foron sancionados con 30.000 euros de multa que pagarán vostedes e mais eu nalgún billete de oferta este verán. Faltan moitas sancións para que o sinónimo de aseo nunha muller non pase por cumprir a fantasía sexual dalgún directivo de compañía aérea.