Non paso palabra

María Canosa
maría Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

ANTENA 3

27 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Os acontecementos políticos e sociais téñennos moi entretidos. É moi sinxelo perdernos no boureo constante. Mais hai un detalle que me gustaría que non pasase desapercibido. Falo do bote de Pasapalabra. Non é necesario explicar nada, pois o concurso televisivo é famoso.

Só este dato debera ser salientable: un concurso cultural liderando o interese televisivo. Pero hai máis. Repartiuse un premio económico xeitoso. A cultura ten premio.

Rafa e Orestes levaban semanas disputándose as vitorias, demostrando sen diferenza o vasto coñecemento cultural. Era de xustiza que un dos dous levase o bote, xa que as bases do programa non permiten o reparto.

A sorte púxose do lado de Rafa. Sorte relativa, pois merecíao. A reacción do concursante ao facerse co premio é digna de loar. Quedou paralizado, dedicando as primeiras palabras ao seu contrincante. Dicía que era inxusto que tivese que abandonar o programa, que calquera dos dous podería ter chegado ao mesmo resultado...

Fundíronse nunha aperta sincera que traspasou a pantalla. Orestes felicitábao, recoñecendo sen fisuras a súa valía. Os dous recoñecían as horas de traballo e estudo que levaban ás costas. Tamén coincidían en que non tivesen mágoa da súa situación. Rafa contribuirá gustoso cos impostos que lle correspondan e Orestes gozará do acumulado ao longo da súa participación.

A humildade, a sinxeleza, a cordialidade e a cultura por bandeira. E todo isto, con grande expectación de público. Quizais aínda se poidan cambiar moitas cousas.