Perder o tempo

OPINIÓN

WAEL HAMZEH | EFE

11 abr 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Estes días lin na prensa, con indisimulada curiosidade, dúas novas que poderían ocupar un espazo común nun suplemento de saúde, pero que recollen casos, se non contraditorios, si inversos. Por unha banda, está a boa nova para un equipo de investigadores galegos que obteñen unha inxección económica de 150.000 euros para investigaren a proxeria, unha enfermidade que converte en anciáns a persoas de curta idade. E, por outra, unha reportaxe sobre un millonario de 45 anos que, para manter vixente a súa adolescencia, conta cun equipo de 30 médicos e un orzamento de dous millóns de dólares anuais para intentalo. Bryan Johnson, que así se chama o afortunado, seica xa acadou co tratamento un corazón de 37 e uns pulmóns de 18, algo que en nada se parece a esas 200 persoas que, por un trastorno xenético progresivo, vén acelerar os anos dun xeito que non se corresponde co almanaque vital que todos temos. De feito, a súa vellez prematura fai que, por desgraza, a morte sexa antes dos 14 anos.

É certo que cadaquén emprega os cartos no que máis lle peta e todos coñecemos persoas que envexan a este rico porque a elas non lles importaría estar rodeadas de especialistas que controlasen o seu delirio coma se fosen un obxecto, un instrumento. De feito, moita desta xente xa pasa a vida no ximnasio, inflando de adolescencia os músculos e tamén o cerebro. Mais a realidade adoita ignorar os corpos e, máis cedo ou máis tarde, a vellez acode á súa convocatoria. O terrible é cando o fai antes de tempo, como acontece nas persoas con proxeria. Certamente, envellecer é perder, pero no caso de todas aquelas persoas que non son quen de se aceptar a si mesmas, no canto de asumiren o paso do tempo, o que están a facer é perdelo.