Orixe dos «Cantares» de Rosalía

30 de decembro de 1994 FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO

OPINIÓN

16 abr 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Gostamos de lembrar aqueles primeiros pasos que Rosalía deu no cultivo da nosa lingua. Atopábase a poeta en Simancas, onde Murguía exercía de arquiveiro. Era un serán morno de primavera castelá. Perante a paisaxe espida, rememoraba Rosalía a vizosidade dos campos galegos. Foi así como sentiu a necesidade de escribir un libro no que se reflexasen a natureza, e a vida das xentes, do país lonxano. Desexando crebar canto a arrodeaba, e lle era tan pouco aceito, prometeuse escribilo na fala natal. Aquela anoitecida de primavera castelá trazou con man dilingueira os versos de Adiós ríos, adiós fontes. Tal foi a orixe dunha obra que tan singular influxo exerceu na literatura galega.

Nembargante, ata o 1863 non se habían publicar os Cantares Gallegos. Rematáraos, segundo Murguía, de presa e correndo, porque o editor aburaba. O propio Murguía contouno así: «O proxecto de consagrar a Galicia as primicias da súa musa, podía dárese por abandoado, pois nunca se sentiu como entón decidida a se recluír no seu fogar». Só estaba escrito o primeiro prego. Murguía entregoullo ao impresor sen llo comunicar á poeta. Rosalía viuse obrigada a seguir escribindo, a’ medida que as caixas demandaban orixinal. «A présa, sen dar tempo a que secasen as cuartelas, sen corrixir nin ler ao día seguinte, foi dando hoxe unha, mañá outra, a maior parte das composicións do volume».

Pastor Díaz, a quen a morte impediu redactar as páxinas que debían precedelo, asegurou non ter lido nada máis corrente, nin máis puro, que aqueles versos. Compracíalle -dicía- aquela nova aurora, aquel fresqueiro aire de patria que viña pechado nas estrofas máis completamente populares, a falar dos campos de Galicia. Gorentábao, ademais, ollar escrito o libro na doce lingua que el falara de neno.

Murguía, pola súa banda, sentiu a fonda emoción do deber cumprido. Consideraba que a obra da súa muller viñera prestixiar o propósito de rehabilitación cultural que animaba a súa vida: «Aínda agora, aparece un libro escrito no idioma materno, o cal contén e reflexa a un tempo, tódolos elementos populares, e polo tanto a alma enteira do país. Cos Cantares Gallegos volve entrar o galego nos dominios do arte. Este era o maior ideal dos que se perseguían, pois atopada a nota, acodado o amor, doado era seguir». Noutra ocasión engadiu: «Tanto entrañou nos seus versos os sentimentos e os costumes do seu pobo, que entre as diversas composicións populares que recollín, viñeron algunhas de Rosalía aceitadas como propias pola multitude campesiña». A compenetración entre a poeta e o historiador é evidente. A admiración mutua pola personalidade que os singularizaba, innegable. Os dous traballaron arreo, con ilusión, ao servizo da cultura. Entre ambos existiu unha estreita colaboración, emprestándose mutuamente axuda.

O certo é que si o fundamental residía nela, foi el quen a deu a coñecer ao mundo como poeta. Porque a súa admiración pola obra lírica rosaliá atópase fóra de toda dúbida. Manifestouno nunha chea de ocasións. A mesma intervención persoal do escritor nas propias creacións da poeta, é tamén notoria. Revélano algúns poemas rosaliáns onde aparecen correccións de puño e letra de Murguía. Este revelou aínda, en nota que se conserva manuscrita, cales foron os autores dos que Rosalía gastaba: «A clave do seu talento dana as súas preferencias, pois os seus poetas eran Byron, Heine, Lermontoff e Poe».