Apocalípticos e integrados

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

ANDRE COELHO | EFE

16 abr 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

En 1964 Umberto Eco publicou un ensaio con este título, referido fundamentalmente ás industrias da comunicación, mais onde establecía unha diferenciación básica de actitudes que, olladas agora coa distancia de case seis décadas, seguen tendo actualidade. Non só no que atinxe ás producións culturais, a gran máquina expendedora de produtos para o consumo masivo, senón ás formas todas da vida do noso tempo. Apocalípticos: aqueles que pensan que, irremediablemente, o mundo chegou ao final. Xa nada será como antes. Calquera tempo pasado foi mellor, ou polo menos habitable, comparado co que se aveciña. Integrados: a postura contraria. Nunca a humanidade foi tan rica nin tivo tantas posibilidades de mellorar, crear benestar e riqueza.

Contra o ano 1972 o Club de Roma encargou ao Massachusetts Institute of Technology (MIT), un dos grandes centros de avanzada tecnolóxica no mundo, un estudo sobre a viabilidade do crecemento no planeta coa perspectiva do século XXI. Daquela abriuse un debate que en moitos aspectos continúa. Por unha banda estaban (e están) os que pensan que os recursos son limitados e, tal como concibimos o crecemento (que moitos confunden con desenvolvemento), a civilización ten os días contados. Outros, pola contra, consideran que a tecnoloxía, aínda tendo os seus riscos, crea tamén solucións para afrontar ese crecemento: o mundo continuará reinventándose constantemente. Se cadra cun modelo darwiniano: os máis capacitados sobrevivirán; os menos capacitados (ou con menos recursos) quedarán no camiño.

As últimas actualizacións desta liña de traballo (Gaya Herrington) xa poñen unha data: máis alá do ano 2040 a marcha atrás non será posible. No século XXI o modelo actual de crecemento colapsará. Algúns dirán que queda lonxe. Ese é o principal problema. No fondo pensamos que a historia non vai connosco, que alguén a resolverá. Cun problema a maiores: o darwinismo, que teoricamente salvaría os ricos (donos do coñecemento e dos recursos), non funcionará. A ambición dos poderosos (o capital) é insaciable. Non hai máis ca seguir a actualidade. E nós (os particulares) tampouco somos diferentes. Aquí todos andan ao seu, menos eu, que ando ao meu. Esa é a filosofía. Velaí o caso Doñana, por poñer un exemplo. Ou o tratamento das rías, incluídas as augas das minas de San Fins; ou a celulosa pontevedresa. Como en moitas outras cousas (o futuro da lingua galega), no fondo agardamos que alguén nos solucione o problema, sen decatarnos de que quen primeiro ten que solucionalo somos nós, cada un de nós, tomando posicións. O informe do MIT e do Club de Roma non é unha brincadeira. «E vostede con quen está, cos apocalípticos ou cos integrados?», pregunta un meu amigo. Depende dos días.