A erótica do banco dos acusados

OPINIÓN

JUSTIN LANE / POOL | EFE

18 abr 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

A erótica do poder definíaa moi ben Michel Foucault cando sostiña que o poder non era algo que se exercese só sobre os outros, senón que tamén podía ser unha fonte de pracer e satisfacción para aquelas persoas que o posúen. Esta fascinación xorde en contextos políticos e sociais, e case sempre se manifesta dende o desexo de controlar os demais, ata procurar o recoñecemento e a admiración. Donald Trump pode ser un bo exemplo deses líderes endeusados que crean realidades paralelas que eles mesmo acaban crendo. Acostumados a amañalo todo con cartos, extorsión, grosería, manipulación e as mentiras máis absurdas, só son leais aos delirios do seu propio ego. Non sei en que acabarán a imputación e o xuízo político ao que será sometido, pero estas son ferramentas da democracia e do Estado de dereito contra a corrupción política e os abusos de poder, un recordatorio dos principios e valores que toda sociedade que aspire a ser libre debería ter. O ego poderoso de Trump, que teimará nas teorías da conspiración, xa aliñou unha morea de cargos do Partido Republicano para que estimen a imputación coma unha caza de bruxas e non han tardar en anunciar a fin do mundo, usarán as redes para desprestixiar o gran xurado e, tal como fixeron cando incitaron a insurrección contra o Congreso, convocarán fieis dispostos a secundar as súas queixas diante de onde sexa, mesmo con armas, porque semellante afronta, segundo eles, non a pode aturar o pobo estadounidense. Mais, desta vez, coido que as contas lles han saír furadas porque as forzas do seu poder, aínda que o libren do cárcere, non poderán borrar a satisfacción de todos os millóns de persoas que sentimos vergonza allea, e que agora veremos sentada no banco dos acusados a erótica dun poder vulgar e perigoso.