Levo un bo anaco procurándoo na web, mais non o atopo. Quen me dera lelo! Se cadra me di cousas de min mesma que con certeza descoñezo. O libro titúlase nada máis e nada menos que Cómo son y cómo piensan las mujeres e foi escrito en 1941. O autor é o doutor filonazi Luis Morales Noriega, reputado psiquiatra no seu momento e sinistro personaxe digno dun filme de David Lynch. Este doutor, en connivencia co pai da pintora, someteu, no seu sanatorio de Santander, a Leonora Carrington a sádicos métodos de curación. Basicamente consistían estes en amarrala á cama de mans e pés, deixándoa nadar nos seus excrementos, e administrarlle un convulsivo químico chamado cardiazol, equivalente ao electrochoque. Xa se sabe: cando unha muller amolaba porque tiña cousas que dicir, e non se sometía aos imperativos sociais da época, o mellor era recluíla nun cuarto. En 1941 Leonora consegue fuxir e, aínda que durante moito tempo despois non puidese falar da súa experiencia en España (ademais de ser internada neste sanatorio, foi violada en Madrid por un grupo de requetés), si contará todo o acontecido nun libro chamado Memorias de abaixo.
Todo isto e moito máis pódese ver na magnífica exposición da Fundación Mapfre, que rememora a dramática estadía da artista no noso país cunha mostra de 188 pezas (entre elas, cadros dun prodixio de invención de especies animais híbridas e de figuras femininas poderosas, onde se sincretizan diversos mundos lendarios dunha imaxinación desbordada) que percorren a súa obra de maneira cronolóxica. Poucos anos despois, Simone de Beauvoir publicaba O segundo sexo.
Bo foi. A partir dese momento os lercháns e grandes especialistas nas mulleres, como o doutor Morales, teríano un pouco máis difícil.