Vexo as enquisas que se publican estes días cunha nostalxia anticipada. Non han ser as últimas, por fortuna, pero si que haberá moitos cambios nun futuro non moi afastado, iso non me cabe dúbida. Se xa hai máis de unha ducia de anos que as enquisas telefónicas e presenciais perderon importancia a favor do estudo das redes sociais no que se vén chamando a análise do sentimento, nos vindeiros anos asistiremos a un xiro radical na predición de resultados electorais. Se millóns de persoas xa aceptan que o algoritmo escolla, ás veces mellor ca elas, que película ver, que musica escoitar ou que prensa ler, por que non ían aceptar que tamén decidisen o seu voto? O sistema non deixaría de ser cómodo, e nunha sociedade hiperconectada os resultados non deberían de estar lonxe deses sentimentos. Daquela, que necesidade habería de eleccións cada catro anos? A intelixencia artificial (IA) sabería en cada momento, cunha precisión envexable, a ideoloxía concreta de cadaquén, porque coa pegada dixital que deixamos na rede, construiríase cadanseu perfil cidadán dun xeito barato e certeiro. Todo isto mesmo podería ser ideal nunha sociedade intelixente e crítica. Pero o problema non está nesa capacidade omnímoda que se lle albisca á IA, senón no poder das persoas que controlen e se sirvan deses mecanismos tecnolóxicos tan intelixentes. A experiencia do éxito de Trump no 2016, apañando información de usuarios das redes dun xeito ilegal, foi un exemplo claro de como cos datos e cos perfís do desexo se pode modular o voto e influír nos estados de opinión a base de mentiras doadas de crer para xente descontenta e cun espírito crítico nulo, iso si, cun exceso de sentimento.