Acoso «online»

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

LAS ROZAS | EUROPAPRESS

25 abr 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Non me refiro ao acoso que sofren as persoas que tomaron a mala decisión de enviarlle unha foto íntima a alguén de confianza e logo se viron chantaxeadas. Eu nunca enviei fotos comprometedoras, pero a pesar diso sufro acoso todos os días pola rede. En canto abro o ordenador aparecen mensaxes que indican que non podo utilizar as miñas tarxetas de crédito porque hai un problema coa miña conta, para solucionalo teño que premer nunha ligazón que me facilitan na que debo introducir os meus contrasinais. Ou din que a miña tarxeta de crédito fáltalle un número e que o escriba completo, xunto cos meus contrasinais. Ou dinme que me denunciaron en Facenda por ter feito facturas falsas e que para solucionalo acceda a unha ligazón onde debo introducir os meus datos... Cousas deste tipo. Normalmente destrúoos sen abrilos, pero, como a declaración á Facenda a fai un xestor, pregunteime se fixera algunha trampa. Chameino por teléfono, pero non estaba alí. A súa secretaria díxome que ás veces eles fan facturas aos clientes polos servizos prestados, o que lles permite aforrar no pago á Facenda. Pregunteille se fora o meu caso e non o sabía, o xefe fora descansar uns días, nunha semana podían dicirme... Seguín coa dúbida e para tentar resolvela chamei ao meu fillo maior, que é matemático na rama da informática e que está en Colombia. Non escoitaba ben en WhatsApp e cambiei a unha chamada normal. Os berros do meu fillo debíanse escoitar por toda a casa: non premas nada, mamá! Non abras esas mensaxes, xa cho dixen mil veces, destrúeas inmediatamente!

Síntome acosada: un pequeno erro pode facerme perder todo o que gañei e aforrei nunha vida de traballo. E estou a contalo por se lle fose útil a alguén.