Democracia enerxética

Xavier Alcalá
Xavier Alcalá A VOO DE TECLA

OPINIÓN

PEPA LOSADA

28 abr 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Logo de moito ruído sobre a intelixencia artificial, vaise vendo que só é válida cando se aplica a algo concreto como, por exemplo, as redes intelixentes de enerxía eléctrica. Nelas, un «ollo divino artificial» vixiaría a capacidade de produción conxunta e as demandas, e encamiñaría fluxos para reducir ao mínimo a necesidade de acumuladores.

 Indo á historia, cómpre lembrar o enfrontamento entre dúas visións da electrificación cando xa se expandía. Unha foi a de Edison: colocar xeradores preto dos puntos de demanda; a outra, a de Tesla: crear grandes centrais de xeración e redes de distribución ata lugares afastados.

Dificilmente aqueles visionarios imaxinarían máquinas lóxicas coa potencia das que neste intre controlan os medios de xeración e as redes de distribución; e menos os superordenadores en que funciona a IA.

O feito é que hoxe as TIC nos permiten sumar vantaxes dos modelos de Edison e Tesla; e en paralelo aparece un novo concepto de carácter socio-económico: a democracia enerxética total, situación pola que en España se leva a loitar desde a primeira lei sobre enerxías renovables.

Nela cada cidadán ten dereito a producir enerxía e intercambiala se cumpre coas esixencias de calidade da rede global á que se conecte.

O resto —a optimización do sistema— sería tarefa da intelixencia artificial.