Ignoro se sae do propio presidente do PP ou da xente que o acompaña, mais coido que a estratexia de deixar gobernar a lista máis votada nas autonómicas e municipais, amais de incoherente, con exemplos dabondo que ridiculizan a proposta, amosa unha debilidade e un entendemento da democracia que seguen ancorados no pasado. Comprendo que detrás de todo isto están os cálculos e a necesidade de prescindir dun aliado como Vox, que atrancaría os obxectivos das eleccións xerais. Feijoo quere deixar os sapos para máis adiante. E esta proposta incongruente xa non tería prédica nin vigor no camiño á Moncloa. Daquela, as regras e os pactos xa serían distintos, por suposto. Agora ben, a pregunta que me fago é se a esquerda, no caso de perder diante dunha alianza da dereita coa extrema dereita, aceptará o resultado ou lle devolverá a carraca de que o posible goberno sexa ilexítimo, formado por forzas inimigas da democracia e do sentido común. Non o sei. Resulta difícil esquecer os esforzos dunha boa parte da dereita que teimou no asunto, con contundencia, sabendo que todas esas alianzas están amparadas polo noso marco constitucional. En calquera caso, máis ca xogo sucio, estas arroutadas teñen toda a pinta dunha perrencha infantil de malos perdedores. E, sen entrar a valorar a fondo o acadado polo Goberno actual, que si lle hai que recoñecer coma un dos maiores méritos, ao meu ver, é o mantemento das alianzas políticas e a demostración, non sei se por convencemento ou necesidade, de que hai outras formas máis alá do bipartidismo e non queda outra que aceptalas, gústennos ou non, porque a riqueza de España está na súa diversidade. Así que o meu humilde consello é que non manexemos esas teorías da comenencia porque non han tardar en se volver contra nós.