Ouro nos castros

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

Fotografía do tesouro de Caldas. Museo de Pontevedra.
Fotografía do tesouro de Caldas. Museo de Pontevedra.

14 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O profesor Filgueira Valverde falábanos no instituto de Pontevedra dos tesouros que viven debaixo da terra, a memoria dos «mouros», os «santos antigos», que dicían os paisanos, e levábanos despois ao museo da Boa Vila a ver o ouro de Caldas de Reis, os torques e os vasos labrados de Agolada e Foxados… Moito admirabamos, sobre todo as arracadas de Bedoya. Chamábanse así porque foron doazón dunha familia con este apelido. Apareceron contra o ano 1940 na parroquia de Doniños, na Ferrolterra, cando un veciño meteu o arado na leira. Seica un criado atopou no labor un caldeiro de bronce e dentro viñan as arracadas. Nós, os rapaces, imaxinabámolas adornando as orellas dalgunha princesa ou raíña dos tempos antigos. Era emocionante. Pero máis emocionantes resultaban os achados aqueles dos tesouros no labor da veciñanza.

O título desta marea tireino dun opúsculo que o profesor Filgueira publicou en 1973, logo dun Congreso de Arqueoloxía e Etnoloxía en Portugal. O ouro dos castros. A memoria dos antigos tempos, que mantiñan viva os nosos paisanos en lendas, adiviñas e tradicións, e que de cando en vez xorden á superficie, como a noticia do torques que apareceu estes días en terras de Betanzos. Vicente Risco, López Cuevillas, Bouza Brey, entre outros, estudaron esta memoria dos devanceiros. Álvaro Cunqueiro inspirouse nela para o discurso de ingreso na RAG en 1964, que logo publicou Fernández del Riego en Galaxia co título de Tesouros novos e vellos.

Os tesouros están vivos, teñen a súa propia fala, ás veces mesmo viaxan polo mundo dun lugar a outro, e de cando en vez, repito, aparécensenos, coma unha revelación. Que nos quererá dicir este de Betanzos? Está por ver. Contra finais do século XVII e nos primeiros anos do XVIII, segundo Xosé María Álvarez Blázquez, era moi popular o Gran Libro de San Cipriano, máis coñecido entre nós como o «Ciprianillo»: un libro dos esconxuros, maxias e tesouros ocultos. Segundo informa o tal libro hai en Galicia non menos de 146 tesouros soterrados: detrás dunha pedra, ao pé dun vello castiñeiro, no paso dunha ponte antiga, mais cómpre sabelos desencantar, para o cal debemos coñecer a palabra máxica, como na historia de Alí Babá. No Ciprianillo veñen as localizacións exactas. Mesmo houbo quen arruinou a vida para dar con eles.

En 1606, o licenciado Vázquez de Orxas, señor do coto de Recemil de Parga, seica obtivo do rei Filipe III autorización para escavar mámoas e castros detrás do ouro dos devanceiros, e houbo auténticos saqueos da man de abades, escribáns, señores e labregos, unha auténtica «febre do ouro», a ver quen chegaba antes. A cousa acabou nos tribunais, para ver quen tiña dereitos e en que condicións. No opúsculo do profesor Filgueira dase conta de case 40 localizacións onde houbo traballos de busca por parte do tal licenciado. As que se saben, de entre centos que daquela se levantaron.