![Del Riego, o día que foi nomeado fillo predilecto de vilanova de Lourenzá, no ano 2001.](https://img.lavdg.com/sc/4KwPA8NJuzUyvc7vlkw1MehPLGA=/480x/2023/05/16/00121684243382065919762/Foto/X04N1059.jpg)
Non é posible ofrecer unha antoloxía poética, na lingua que sexa, ao gusto dos mellores letraferidos, pero hai antoloxías, por certas circunstancias, que son relevantes, moi valiosas e, mesmo, excepcionais. É o caso da que publicou a editorial Galaxia en decembro de 1954, co título Escolma da poesía galega. IV. Os contemporáneos, deseñada, elaborada e prologada por Francisco Fernández del Riego. Contiña cincuenta autores do século XX, algúns residentes, como exiliados, en América (Delgado Gurriarán, Luís Seoane, Xosé Otero Espasandín), o que xa era un mérito da obra, sobre todo no caso de Espasandín, que nunca publicara un volume.
A gran orixinalidade da Escolma de Del Riego, en 1955, consistiu en ser, na historia das escolmas de poesía galega, a primeira en idearse como unha antoloxía «consultada». En efecto, unha boa parte dos poetas vivos, instados por Del Riego, expuxeron a súa Poética, capítulo no que non só esbozaban o seu concepto de poesía senón que, ás veces, facían incursións na problemática da poesía galega do momento e de como concibían ou desexaban o futuro do noso acontecer poético. Neste sentido, son memorables as Poéticas de Celso E. Ferreiro e Luís Seoane, verdadeiros manifestos a prol da poesía social, insólitos, daquela, nas nosas letras. Cómpre aclarar que, cando Del Riego solicita estes textos autopoéticos, adopta o criterio empregado por Gerardo Diego, en 1932, para a súa celebérrima Antología da poesía española contemporánea, dato que non omite o antólogo no limiar da súa Escolma.
Non escasean os autores dos que Del Riego nos achega poemas inéditos, case sempre expresión do seu pensamento poético máis recente. Outra novidade son os escritores que nunca publicaran un volume pero que tiñan obra significativa esparexida por xornais e revistas. O exemplo máis valioso é o de Otero Pedrayo, a quen Del Riego nos descubriu como poeta.
Tamén é excepcional esta Escolma pola ampla e tensa polémica que suscitou, na cal Miguel González Garcés e un tal «Leandro Crispín» cuestionaban o criterio filolóxico do antólogo (que fose considerada poesía galega só a escrita en «lengua vernácula»). Voces novas e vibrantes (Gonzalo R. Mourullo, Méndez Ferrín…) «saíronlles ao retrauto». Só este material literario, obrante na Fundación Penzol, xustificaría unha tese de doutoramento. E aínda hai outros aspectos, outras novidades.