Vivenda e cidade

Xerardo Estévez
Xerardo Estévez PAIXASES E PALABRAS

OPINIÓN

Foto Denís E. F.

20 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Toda cidade ten tensións inmobiliarias, é algo inherente á condición urbana. En principio, o xogo beneficiaba exclusivamente os propietarios de solo pero, logo, a lexislación democrática empezou a distribuír cargas e beneficios.

España é hoxe o país de Europa con menos vivendas protexidas en alugueiro e coa maior porcentaxe de propietarios, familias que preferiron recorrer á hipoteca ante a falta de concorrencia dos prezos. É tamén o país que máis vivendas construíu nas últimas décadas, pensando no turismo e nunha segunda residencia, mentres que a demografía non medra.

Boa parte da economía familiar baséase desde sempre na adquisición da propiedade. Todos participamos dalgún xeito no mercado porque pensamos que, sen movernos da casa, o prezo tende a subir. Pero as crises, á fin, deixaron a moitos en precario; lembrémonos do 2008. Aqueles mozos que se hipotecaron no mellor da vida atopáronse nunha situación imposible ao ver que os seus pisos se depreciaban.

É o momento de dar un novo paso na equidistribución. A vivenda digna e asequible non é só un dereito constitucional, senón tamén unha obriga comunitaria, nunha especie de «corresponsabilidade habitacional». Sabemos desde hai tempo que falta un mercado de alugueiro accesible, temporal, con prezos que poidan competir coas amortizacións hipotecarias.

A Lei polo Dereito á Vivenda haina que ler en profundidade, pero nun asunto de semellante calado a lexislación é soamente o inicio. As cidades, que confiaron excesivamente na vivenda libre, teñen que orientar as políticas de solo recollidas no planeamento xeral, priorizando a construción de vivendas protexidas sen facer polígonos exclusivos e intensificando o empeño cotián na súa xestión. Isto esixe, ademais, un esforzo fundamental de coordinación coa administración autonómica, que ten que canalizar os recursos cara ás áreas onde hai tensión e non a outras.

O mercado libre non está chamado a controlar a accesibilidade dos prezos, senón que é a acción público-privada en cooperación leal, con regras de xogo claras, incluíndo a obriga de empadroamento dos beneficiarios. Neste asunto crucial o Colexio de Arquitectos tamén ten que contribuír, porque a cidade e a vivenda están cambiando na medida en que o fai a sociedade.

Cando nos asomamos á ventá nunha actitude observadora alcanzamos a percibir a pulsión das rúas, onde se dirime cada día a democracia. A vivenda protéxenos do exterior e alimenta a vida propia, soa ou en compañía. É o cofre dos nosos sentimentos. Nada menos.