Xusto no intre en que se vén de aprobar a lei paritaria que establece a obriga dun 40 % de mulleres no sector público e privado, incluíndo o Goberno, os consellos de administración das grandes empresas, as candidaturas electorais e os órganos constitucionais, o expresidente Aznar, coa súa teima de humorista castizo, fai chacota do asunto paritario metendo a raza, o xénero e, por se non abondase, tamén a orientación sexual.
Non é a primeira, nin será a última vez que o político popular entre no debate a peito descuberto para nos amosar as súas grazas sobradas e absurdas. E mira que hai unha chea de argumentos para atacar esta lei sen ter que facerse o chistoso! Mais Aznar tira sempre polo atallo máis curto, e non tardará en sumar unha morea de adeptos que intentarán atopar puntos e casuísticas para ridiculizar unha norma que só se crea porque o talento e o mérito non sempre teñen a súa recompensa, especialmente se es unha muller. Sabemos ben que a lei vén para corrixir estas desigualdades e, no futuro, cando xa non se precise, terá que desaparecer. E non lle vou tirar a razón a quen cre que as persoas máis capaces deben ocupar as posicións e os roles claves na sociedade. Niso podo estar de acordo mesmo con Aznar. Agora ben, sei, como tamén sabe el, que neste intre non se dan as condicións para que iso sexa así. Segue a haber moitos teitos de cristal, e as porcentaxes en moitos sectores son, máis ca evidentes, terriblemente inxustas. E, mentres non se achante o camiño, aplaudo esta lei e fágome a pregunta de como sería o éxito de Aznar se vivise nunha sociedade de méritos. Chegaría a presidente? Non o sei. O que si teño claro, moito máis do que o ten el, é que gracioso non o é.