Sapiosexuais

Inma López Silva
inma lópez silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

marcos creo

28 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Se este título conseguiu chamar a súa atención, é que vostede fartou desta tediosa campaña electoral que copou os titulares con aburridos restos arqueolóxicos (ETA), estilismos vintage pasados de moda (compra de votos), e long-sellers gastados (o Falcon, os coches). Se ler nun xornal en negriña algo que comece por sex lle parece máis marabilloso que Feijoo diante dun micro disposto a darnos as mellores citas da nosa historia política, entón estará comigo. Treme Azaña. 

Hai pouca sapiosexualidade entre os nosos candidatos ás alcaldías; pouco erotismo do intelecto; pouco amor pola intelixencia, e demasiada chulería de barra de bar. Cada vez que penso que a Segunda República foi instaurada grazas a unhas eleccións municipais, próeme no cerebro a área (se é que existe) onde a política se relaciona co pensamento, aí onde a democracia non ten que ver con votar ao guapo ou castigar ao que fala de Kant nun mitin.

O título que conseguiu que vostede, farto desa mediocridade toda, chegase ata aquí lendo un artigo sobre política, vén dunha entrevista na que a actriz Sophie Marceau, facendo gala do seu nome, se declaraba incapaz de namorar de alguén que non lle faga tilín na intelixencia. Sapiosexual, dise. E non sería marabilloso que, agora que seica votamos coas emocións, soasen con cada voto as campás do sentido común coma se fose un vodorrio da jet set? Non hai papeletas para esa práctica electoral. É moito imaxinar. Pode que, despois destas semanas de absurda parálise cerebral colectiva, xa esquecesen o prefixo sapio do título (saber) e quedasen só coa orxía de confeti coa que, desde os balcóns, agocharán as facianas eses que só saben unha única lección, esencial para acabar coa molesta democracia: o que conta é o poder. Treme Maquiavelo.