A ponte da palabra

OPINIÓN

CEDIDA

11 jun 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Nin sequera sei se oficialmente se chama así: a derradeira das pontes que cruzan o río Lérez en Pontevedra. Seica foi a propia Fina Casalderrey, veciña do lugar, quen discorreu tal nome. A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) homenaxeouna onte cunha das súas festas máis celebradas: a letra E de escritora, na súa terra, que é a parroquia de Lérez, onde o san Benitiño milagreiro, onde estudaron os frades Benito Feixoo e Martín Sarmiento, unha varanda dende a que se avista a Boa Vila e ao fondo todo da ría, que é coma quen enxerga o principio do mundo. 

A poucos metros vive a escritora, unha das nosas grandes autoras contemporáneas, candidata ao premio Andersen de literatura infantil e xuvenil, Premio Nacional de Literatura en 1996, entre outros recoñecementos.

A ponte da palabra, que une a banda de Lérez coa de Monte Porreiro, chámase así por iniciativa de Fina Casalderrey cando se inaugurou, en decembro de 2011. Daquela organizouse unha procesión cívica de escolares e profesores dende as dúas beiras. A ponte, que é a máis nova de todas as que cruzan o río, entón aínda non tiña nome.

Había tempo que se demandaba a necesidade de comunicar a parroquia de Lérez con Monte Porreiro, e mais cos accesos ao hospital de Montecelo. Son os paraísos da nosa infancia, lugares onde moito medrou a poboación nos últimos anos, con colexios e institutos, arrabaldes de xente traballadora. Un deses colexios leva o nome da escritora.

O día da inauguración organizouse unha procesión de rapaces e rapazas dende as dúas beiras do río. Era un símbolo de unión nunha cultura popular que tendeu case sempre ás rivalidades entre as parroquias. Afortunadamente, son outros tempos. Os mociños e mociñas levaban cartelas con cadansúa palabra galega, as vellas palabras de tribo, a memoria dos avós, a xuntárense no medio da ponte. Así naceu o nome do viaduto: 170 metros que voan entre as dúas beiras sen tocar fondo. Nunha das súas extremas chantou a AELG a árbore que lembra á nosa escritora, un acivro, que ha manter viva a súa memoria.

Se algo caracteriza a obra de Fina Casalderrey (San André de Xeve, 1951), ademais da súa calidade literaria, son os valores sociais, humanos, solidarios, conciliadores, xunto cunha poderosa capacidade de comunicación orientada sobre todo cara aos primeiros lectores.

Na década dos anos 90 do pasado século xurdiu unha xeración certamente extraordinaria de escritoras e escritores que abriu un horizonte moi apaixonante para a literatura galega, con recoñecementos aquén e alén das nosas fronteiras. O seu obxectivo era incorporar ás nosas letras galegas novos lectores, novas xeracións de mociños e mociñas que empezaban a descubrir o mundo. Moitos destes autores eran mestres, como Fina Casalderrey, non por casualidade: construtores de pontes, como a que onte celebramos.