
Sánchez quere pelexa a vida e morte e reta a Feijoo a un duelo múltiple, que non se vai producir porque o líder popular móvese mellor na sala de espera que no campo de batalla. Non é cuestión de covardía, senón dunha prudencia que os seus poden ver como sentidiño, porque non é preciso expoñerse a ningún debate cando a vitoria xa parece vir dada. Na proposta do presidente do Goberno intúese certa desesperación, unha necesidade de loita para provocar algunha metida de zoca do aspirante galego, que, de momento, só anuncia a supresión do Ministerio de Igualdade e as leis máis polémicas e, sobre todo, a derogación do propio Sánchez, que parece ser a medida estrela da campaña. Unha cantilena que xa deu excelentes resultados no pasado para botaren do poder a Felipe González e a Zapatero. Feijoo sabe que esa ten que ser a súa estratexia e non vai entrar a saco no desafío, porque a guerra agora está, outra volta, no bando da esquerda. Non hai mellor estratexia que deixar que o inimigo se enrede nunha loita intestina e se desangre e debilite.
A lealdade xoga no campo da desconfianza e as tensións internas deses proxectos que queren ser colectivos son cada vez más públicas e, ás veces, impúdicas, porque se centran no reparto de cromos para as persoas dirixentes. Sánchez, desta vez, non quere pelexa coa outra esquerda, aínda a risco de que lle apañe votos, porque, se quere seguir máis tempo na Moncloa, precisará esa compaña incómoda. Por iso busca, ansioso, o corpo a corpo con Feijoo, para intentar derrotalo nunha dialéctica que se prevé agresiva. Mais coido que o político galego non vai caer na allada e non lle dará ningunha oportunidade a Sánchez, porque non esquece a morea de veces en que xa estaba morto e resucitou.