
Van 40 anos dende a fundación da Asociación Galega de Editoras, plataforma de empresas que nacían co obxectivo de establecer un marco profesional para o desenvolvemento do libro galego, comprometido explicitamente coa lingua galega. Na acta fundacional, cinco editoras, Galaxia, Edicións Xerais de Galicia, Alvarellos e Sotelo Blanco; mais catro entidades asociadas, a Fundación Barrié, Librouro, Escola Aberta e Imprenta Neira. Hoxe son case medio cento. Certo que con distinta dimensión e especialidade, mais cun obxectivo común: a xestión e difusión da creación e o coñecemento.
A miña primeira experiencia na edición foi unha encomenda da Editorial Galaxia. Fíxoma quen entón era o seu xerente, Bieto Ledo, no ano 1979. Tratábase de ordenar un determinado material para presentar o Estatuto dos 16, a partir da contribución dos seus distintos redactores (dezaseis), presididos polo deputado Manuel Raimóndez Portela. Eu era un xornalista de base, que xa publicara o meu primeiro libro, Unha ducia de galegos (1976). Supoño que por iso me elixiron para organizar o traballo. Algúns anos despois empecei a dirixir Edicións Xerais de Galicia (1988).
Moitas veces me teñen preguntado en que consiste exactamente o oficio de editar. En certa ocasión discutín cordialmente este asunto coa axente literaria Carmen Balcells, para quen os editores, palabras textuais, eramos «manchapapeles al servicio del negocio». Traballabamos entón no proxecto AlianzaCien e nos Minilibros, coa idea de levar as distintas literaturas do estado a grandes públicos e a baixo prezo. «O teu problema é que confundes o oficio de editar co Ministerio de Cultura», díxome. E abofé que me fixo pensar.
O editor Giulio Einaudi distinguía moi ben entre «editores de mercado» e «editores de cultura». Arruinouse cun dos seus proxectos máis ambiciosos: A gran enciclopedia temática en varias linguas, que non chegou concluír porque na metade do camiño os bancos retiráronlle os créditos. Mais a súa memoria é a memoria de grandes: Cesare Pavese, Italo Calvino, Felice Balbo, Norberto Bobbio..., que traballaron na súa oficina e deixaron pegada indeleble. Librando todas as distancias, atrévome a afirmar que os editores galegos (eles e elas) somos todos editores de cultura. Alguén dirá que porque o mercado é escaso, mais eu penso que porque todos estamos comprometidos cunha causa: a nosa lingua e a modernidade. Tanto ten o soporte: o libro, a empresa xornalística, a radio, o audiovisual, as producións musicais, internet, as redes… mesmo exposicións temáticas e eventos parecidos. Falamos dunha industria necesaria que vivimos dende a lealdade e o compromiso. Iso é o que nos mantén vivos, pezas fundamentais para poder dispoñer dunha estrutura que faga posible que o discurso se realice nas audiencias e non fique no baleiro.