Hai quen, sen pertencer a un puritanismo conservador, gustaría de abolir a pornografía porque a considera un acto político de dominación. Eu non creo na limitación ou na prohibición, senón nunha aberta educación sexual na escola e na casa para ver o sexo coma un lugar de pracer e non de profanación ou pecado.
Quen temos certa idade sabemos ben como accedemos a un sexo cos ollos pechos e como a inexperiencia adoitou levar as primeiras relacións sexuais a algo moi semellante ao fracaso. Porque todo o que aprendemos xurdiu, nos máis das cosas, da nosa propia imaxinación, que se sustentaba naquelas revistas pornográficas que nos arrendaba por minutos un compañeiro do internado, afeito a ese tráfico indecente que mesmo incluía, non o esquezo, o póster dunha moza chamada Cicciolina. Na miña casa, como na da maioría da época, só silencio e á cama cando puñan películas de dous rombos. E iso que cando entrei na adolescencia o ditador xa morrera e Emmanuelle xa chegara ao cine da miña vila, onde a coñecín grazas a un meu amigo, que era tipógrafo, que falsificou os nosos carnés de identidade. Sei que ese acceso non tiña a sona daqueles maiores que cruzaron a fronteira para ver O derradeiro tango en París. Eu tiven que me conformar con iso, do mesmo xeito que outros adolescentes despois deixaron os ollos naquelas televisións que puñan películas porno e só eran intuídas, porque eran de pago.
Internet, dalgún xeito, veu democratizar o acceso a un sexo explícito que agora ten consumidores de nove ou dez anos que non chegarán coma min cos ollos pechos ás primeiras relacións sexuais, pero que talvez o fagan dun xeito máis violento e confuso porque crerán que iso que ven ás agachadas é a mellor escola de aprendizaxe, e non o é.