A resistencia carca

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Hayat al Dbeas | EFE

25 jun 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O de «resiste e vencerás ten estes días un significado especial.

Pregúntome como é posible que certas ideas, accións ou conceptos sigan vixentes. E a razón non é outra que a resistencia.

Aínda que pareza imposible, existen colexios nos que hai segregación por sexos que funcionan mediante financiamento público. É arcaico, si, pero existen. Hai un tempo que se falou deste despropósito nun centro de Navarra ao que quixeron retirarlle a axuda pública. En lugar de que os responsables da institución comprendesen que atentan contra a educación igualitaria e decidisen modificar as normas rexen a súa formación, mantivéronse no ideario retrógrado.

Cal é a miña sorpresa cando leo que a xustiza protexe o colexio ao manterlle o financiamento público. Estupor máximo!

O centro resistiuse a modificar e avanzar nos valores que o definen. Digo eu que terán moito que ver coa moralidade que trasladen tamén ao seu alumnado. E con esa reticencia ao progreso lograron vencer, porque están amparados pola lei e seguirán a desenvolver unha educación carca. Pero aí están. E aí seguirán. Porque para o alumnado ese ideario irá incorporado ao seu proceso de crecemento e comprensión do mundo. E así van forxando a resistencia, unha supervivencia que ás veces consegue espallarse, contaxiar e medrar.

O mellor xeito de combater os problemas é atallalos, adiantarse aos mesmos. Se os protexemos, incentivamos ou alentamos, estamos, en certo modo, promovéndoos. Se deixamos que se fagan fortes, reproduciranse.