A memoria das cousas

Víctor F. Freixanes
víctor f. freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

Miguel Villar

02 jul 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

As cousas teñen nome. E os lugares. E as persoas. Cando Deus instala a Adán no Paraíso dille que lle poña un nome a todo o que o rodea: a árbore, o río, o cabalo, a bolboreta, e nomeando as cousas, Adán vaise facendo dono do mundo, da parte do mundo que lle toca vivir. É a visión mítica da teoría do coñecemento que, dun xeito ou doutro, aparece en case que todas as culturas. Nomear as cousas é coñecelas. Sabemos de nós e do universo que habitamos porque posuímos o don marabilloso da linguaxe, e cada lingua é unha maneira de entender a realidade que herdamos dos avós, os devanceiros, e queremos transmitir aos nosos fillos e ás nosas fillas. Tamén os nomes dos lugares que habitamos. O nome da cidade, do lugar, da mais pequena aldea leva dentro de si unha memoria que podemos rastrexar ao longo do tempo e que nos empuxa cara a moi atrás, coma quen fala e saúda o principio das cousas. Respectar ese patrimonio é unha maneira de respectarnos a nós mesmos: o que somos e o que seremos. 

Algunha vez intentei explicar fóra de Galicia que unha maneira que temos os galegos de agasallar ás persoas que respectamos e queremos é ofrecerlles o máis íntimo de nós, entre outras cousas, o noso idioma. De primeiras, diante dun descoñecido ou de alguén que se nos presenta por primeira vez, tendemos a usar o castelán. É unha reacción instintiva da nosa xente que algúns poden entender ou non, pero que se manifesta case sempre da mesma maneira. Só cando hai confianza, cando prende a primeira amizade, cando verdadeiramente lle abrimos a porta a quen vén de fóra, é cando nos decidimos a usar o galego, e isto é algo que lles expliquei algunha vez, repito, ás persoas que máis quero fóra de min, tamén fóra de Galicia, mesmo en ámbitos profesionais. A lingua é a parte máis íntima de nós. Non a ofrecemos a calquera. E non a impoñemos nunca. Digo ben: nunca.

Que pedimos a cambio? O mesmo respecto e, postos a pedir, a mesma consideración e afecto. Atentar contra o nome das nosas cousas, tamén o nome das nosas cidades, vilas ou aldeas, o nome patrimonial, a herdanza histórica do que somos, é atentar contra esa parte máis íntima de nós, da nosa memoria. Coma quen nos zorrega unha labazada. Xa non digamos cando se fai abertamente para aldraxar e provocar, como quen monta un espectáculo. Non se trata de sacar en procesión a lexislación vixente, que é moi clara e terminante; nin de apelar a disposicións europeas e internacionais, incluídas as Nacións Unidas, que se teñen pronunciado varias veces neste punto (o recoñecemento e respecto polos nomes dos lugares atendendo a cada cultura específica). É unha elemental cuestión de educación e dignidade, tamén de democracia, que temos dereito a esixir. Mágoa que a estas alturas da historia, co que levamos andado, aínda haxa que recordar estas cousas.