A mala nova do lume que arrasou parte do estaleiro de Francisco Fra, en San Cibrao, causa unha profunda e inmensurable tristeza aos amantes do patrimonio marítimo e, nomeadamente, aos que loitamos día a día pola salvagarda do patrimonio inmaterial da carpintaría de ribeira de Galicia.
A convención da Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (Unesco) para a salvagarda do patrimonio cultural inmaterial está vixente en España dende o 14 de abril do 2015, unha vez que fora ratificada no ano 2006 (BOE 31 do 5/02/06). Ao abeiro da mesma, a Xunta de Galicia, en virtude das competencias exclusivas en materia de fomento da cultura e da investigación en Galicia e a defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego que o Estatuto de Autonomía de Galicia define nos seus artigos 27.19 e 32, publicou no DOG o decreto 52/2019 polo que se declara ben de interese cultural as técnicas construtivas da carpintaría de ribeira.
Dentro das medidas de salvagarda establécese a creación dun órgano de xestión cuxa función, entre outras, é a de validar os documentos técnicos en que se definan os modelos tipolóxicos das embarcacións tradicionais galegas e se detallen as características morfolóxicas e de navegación das mesmas.
Francisco Fra é membro do órgano de xestión como mestre carpinteiro de ribeira, herdeiro dunha tradición que chega xa a varias xeracións. A súa valía profesional e saber facer están avalados por innumerables construcións de gran calidade entre as que cabe destacar a réplica do Beagle que fixo para o Museo do Mar de Galicia, ademais de ser un gran divulgador do patrimonio marítimo e da súa vertente inmaterial.
O que se levou o lume non foi unha pequena empresa, non foi un estaleiro... foi unha grande parte da historia marítima deste país; este lume prendeu no berce do coñecemento, arrasando con planos e modelos que xa nunca se poderán recuperar. E esta paradoxal situación prodúcese no mesmo intre en que se está a traballar para que a sociedade recoñeza a necesidade da transformación de determinadas actividades profesionais vinculadas ao mar en bens culturais depositarios de valores que debemos protexer a toda costa e dos que afortunadamente xa temos algúns exemplos.
A posibilidade de que este lume fose intencionado e asociado ao malentendido progreso e especulación do litoral, multiplica aínda máis a dor que un pode sentir por estes feitos e pon de manifesto o pouco camiño percorrido pola sociedade no eido da protección dos valores inherentes ao patrimonio marítimo e ao saber facer dunha profesión que é a orixe primixenia da construción naval.
Agora máis que nunca cómpre traballar dende distintas administracións para acelerar o proceso de rehabilitación, cara a que o estaleiro de Francisco Fra se converta nun ben de interese cultural protexido pola lei de ordenación e xestión integrada do litoral, dentro do Plan da Cultura Marítima Galega e integrado na ribeira do mar como símbolo das raíces marítimas da Mariña lucense.
Sen dúbida será a prioridade e o novo reto que nos impoñamos dende a Asociación Galega de Carpintaría de Ribeira.