O 21 de abril de 2002 as democracias europeas estremecéronse como se un frío polar entrase de súpeto no continente. Na primeira volta das eleccións presidenciais en Francia, Jean-Marie Le Pen, candidato da Fronte Nacional, adiantara ao socialista Jospin e quedara a só tres puntos do presidente Chirac. Na Francia das liberdades e dos dereitos humanos, o 18,9 % dos votantes confiaba nun líder e nun partido de extrema dereita que en 1998 renegara da selección francesa de fútbol por levar xogadores de raza negra e que banalizaba os crimes do nazismo, mesmo o Holocausto. O medo e a vergoña fixo que na segunda volta ata a esquerda votase a Chirac, que obtivo o 82,2 %. Nunca o voto útil fora tan útil.
Desde entón, sociólogos e politólogos empezaron a analizar o rexurdir da extrema dereita e descubriron diferenzas ideolóxicas entre os grupos. Uns son revolucionarios e queren poñer fin ao sistema liberal e á democracia formal; outros aceptan a orde constitucional e aspiran a transformar o Estado desde as institucións. Aí está Vox, un partido de dereita radical con manga ancha abondo como para acoller a coñecidos neonazis nas súas filas e que segue a Le Pen en cuestións que lle deron o éxito electoral, como o ultranacionalismo, as confrontacións co feminismo e a migración, e a oposición ás leis do aborto, eutanasia e trans desde un ultracatolicismo que ve un comunista no papa Francisco e veríao no Nazareno do Sermón da Montaña.
Vox expón e defende nas institucións esa ideoloxía porque é un dereito que a democracia lle recoñece. O problema está en que o fai desde a mentira, porque necesita mentir para manipular emocionalmente o electorado e crear nel inseguridade e medo. En política mentir a pouquiños nin mentir é; pero unha cousa é prometer a sabendas de que non se vai cumprir e outra afirmar que en Galicia o idioma español está en perigo pola persecución dos nacionalistas; que na «violencia intrafamiliar» está máis penada a do home que a da muller; proclamar que os inmigrantes acaparan as axudas sociais e os postos de traballo, e que a delincuencia aumentou coa súa chegada. Mentres escribo este artigo, Abascal atribúe en Twitter o asasinato dunha muller en Madrid a dous magrebís, cando se sabe que o criminal é español.
Xosé Luís Barreiro di nun artigo recente que Vox «tenderá a desaparecer a medio plazo si las anomalías de ultraizquierda y secesionista no le dan más oportunidades y claves para su transitoria existencia». Non o creo. As escandalosas subidas de salarios dos novos gobernos municipais PP-Vox proban que abrazaron a teta dereita da democracia e van chupar nela mentres poidan. Si, como outros chupan na esquerda. Igualiño.