Luraschi, Loraschi, Lorasque

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

09 jul 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Un dos tesouros históricos da cultura dos pobos reside na súa toponimia, nos nomes dos lugares. Algo disto falamos na marea da pasada semana. Outro tesouro está nos apelidos das persoas. En cada nome de lugar habita un mundo de experiencias, memoria dos primeiros que chegaron e dos tempos que viviron. Cos apelidos das persoas pasa un pouco o mesmo. Nas súas orixes están as familias, o principio das estirpes, ás veces mesmo segredos que nunca se revelaron ou ficaron agochados, descoñecidos mesmo para os que os transmitiron durante xeracións. Nos textos da Idade Media fantasiábase coa idea de que os Mariño eran todos fillos dunha serea, namorada dun cabaleiro ilustre da illa de Sálvora, e os Padín (os Palatinos), fillos bravos do señor Roldán, que percorreu estas terras cando Carlomagno veu liberar Compostela cos pares de Francia. Historias para dar lustre ás casas de señorío. Nos pazos vilegos de Pontevedra e as Rías Baixas campan os escudos coa serea dos Mariño, que Castelao debuxou coma un dos posibles escudos de Galicia.

O apelido do que quero falar hoxe tamén ten a súa historia, mesmo documentada. No Seminario de Onomástica da RAG traballamos estas cousas. O meu veciño Marcelino, panadeiro de Bastabales, forno de leña dende 1820, é un Lorasque, igual que os meus amigos da aldea do Cabo, Loliña e Juan Jesús, que veñen non dunha serea senón da señora María. Hai vinte Lorasques en Galicia, segundo a Cartografía de Apelidos do ILGA-USC, e todos están ou proceden da parroquia de Bastabales, no val da Maía. Vinte! Xuntiños na palma dunha man, coma quen. Que significa Lorasque? Seica a orixe está en Italia, á beira do lago de Como, relacionado con algún topónimo étnico (Lura). Segundo esta tese, os Luraschi ou Loraschi serían os de Lura, antiga estirpe fidalga, que rodou polo mundo en moi diversas batallas. Un deles veu parar onda nós.

No libro de matrimonios de San Xulián de Bastabales, concello de Brión, o día primeiro de maio de 1819 aparece un tal Antonio Luraschi, natural de Santos Hipólito e Casiano de Olgiati, obispado de Como, ducado de Milán («en la Ytalia», di a escritura), fillo de Blas Luraschi e de Rosa Luciana, que casa ese día con Lucía Barreiro, filla de Matías Barreiro e Dominga de Gosende, do lugar de Coruxido, na devandita parroquia. Seica o tal Antonio Luraschi chegou a Galicia cos exércitos de Napoleón cando a francesada, quizais ás ordes do mariscal Nei, príncipe da Moscova, e aquí prendeu de amores. Non foi o único caso. Soldados alistados nos exércitos do emperador, logo da derrota, ficaron perdidos nestas silveiras e nin pensaron volver. De aí vén o apelido, galeguizado en Loresque. Curiosamente os meus veciños de O Cabo, Loliña e Juan Jesús, apelídanse tamén Barreiro, como a namorada do noso italiano. Todos levamos unha historia detrás.