Amizades indecentes

OPINIÓN

Photogenic / Claudia Alba | EUROPAPRESS

10 jul 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O outro día, nun xantar, unha amiga preguntábame se sería quen de adiviñar a dirección do voto das persoas que alí estabamos. Como era unha cousa que quedaba entre nós, optei por aceptar o desafío e aventurei a miña predición, que ela ía ratificando case na súa totalidade. Entre o medio cento de comensais saíu un número considerable de votantes do PSOE, PP e BNG. Non concibín ningún voto para Vox, sobre todo, porque, aínda que houbese alí xente coa que non comparto nin ideoloxía nin forma de ver a vida, os exemplos reais que coñezo de simpatía ou pertenza a este partido, teñen un formato que, cando non é ignorante e vulgar, céntrase no fanático e na intransixencia. Resúltame difícil imaxinar que calquera desas persoas coas que convivo diariamente, poidan negar o cambio climático, rexeitar o feminismo, calquera tipo de inmigración, os dereitos LGTBQ+, a existencia das comunidades autónomas, as diversas linguas do Estado, a igualdade de xénero ou a existencia de partidos con vontade independentista, por poñer só uns exemplos.

Supoño que, cando fixen ese reconto imaxinario, púidome máis o desexo ca unha verdadeira análise da realidade, porque Vox tamén ten algúns simpatizantes entre nós que non detectamos.

Coido que estes días de campaña electoral se lle van facer máis eternos ao candidato do Partido Popular que ao do Partido Socialista, precisamente porque Núñez Feijoo si sabe que eses aliados fanáticos, cos que non lle queda outra que compartir mesa e poder, van ser un serio atranco para chegar á Moncloa, porque non han pasar desapercibidos nin un só día para nos amosar medidas indecentes que loiten contra o sentido común. Agora que tocaron poder nalgunhas comunidades e concellos, asistiremos a esperpentos que, con certeza, avergonzarán a todos, mesmo a moitos votantes populares.