
Botei de menos, no anuncio por parte de Goberno da non obrigatoriedade das máscaras, a parte anexa que se refire á recomendación de utilizalas por determinados grupos de persoas e en certos lugares. Dá a impresión de que se está producindo iso que os ingleses denominaron o wishful-thinking, o pensar que o que desexamos ha de suceder. Os optimistas ven o vaso medio cheo, os pesimistas, medio baleiro, e algúns cren que o vaso vai encherse, sen máis razóns que o seu desexo de que iso suceda.
Os lugares onde a máscara é altamente recomendable son os centros sanitarios, as salas de espera de hospitais e urxencias, as residencias de maiores e, en xeral, en toda concentración de persoas en lugares pechados. Na miña opinión, un dos lugares máis perigosos para persoas de idade, ou sexa, de máis de sesenta e cinco anos, son os ascensores, onde se concentra toda clase de virus e bacterias por ser lugares pechados, utilizados por moita xente e non desinfectados coa frecuencia que sería necesaria para evitar o seu perigo.
Sempre lles conto a miña experiencia, así que aquí vai. Hai uns días collín o ascensor do meu edificio xunto con outra señora maior e dous mozos. A única con máscara era eu. Un dos mozos esbirrou. Non cubriu a súa boca co brazo, como sería o correcto, senón que virou a cabeza cara á parede do ascensor e alí estampáronse os seus virus e bacterias. Gustaríame saber se quedaron alí pegados, se rebotaron e chegaron aos nosos corpos... e se a miña máscara cumpriu a súa función de detelos.
Polo si ou polo non, ao chegar ao meu piso, puxen unha máscara nova no meu bolso.
Sorte e ánimos para todos nesta etapa de postpandemia sen máscaras!