Reconforta o acordo unitario entre as nosas forzas parlamentarias, contando con institucións como o Arcebispado e o Concello de Compostela, para atopar un camiño común que normalice a disposición e o uso do Panteón de Galegos Ilustres, a partir de agora, de Galegas e Galegos Ilustres. Parabéns aos que, con intelixencia e discreción, souberon atopar o consenso necesario. Oxalá soubésemos explorar estas vías noutras cuestións importantes, mesmo transcendentais, que non faltan. O Panteón de San Domingos de Bonaval é un símbolo, e como tal debemos consideralo. Os símbolos son institucións de recoñecemento, espazos de integración arredor dunha idea, neste caso, a idea de Galicia, a súa historia e a súa cultura, a súa identidade nacional, encarnada nos restos das persoas que alí descansan, que son símbolos tamén: a primeira de todas, Rosalía de Castro, que inaugurou o lugar o 25 de maio de 1891, cando os seus restos se trasladaron solemnemente dende o cemiterio de Adina, en Padrón, a Compostela. A Galicia emigrante na Habana animou especialmente esta iniciativa, como animou outras: a bandeira, o himno, a Real Academia Galega… Nunca agradeceremos abondo a contribución da Galicia exterior na reconstrución da nosa identidade colectiva.
Etimoloxicamente, a palabra panteón, que procede do grego, mais que incorporaron os romanos ao latín, significa lugar onde habitan os deuses, todos os deuses: pan-teon. Por extensión, alén da súa significación relixiosa, nas culturas occidentais interpretouse como o lugar onde repousan os inmortais, aqueles que permanecen na nosa memoria e forman parte de nós. No caso do Panteón de Galicia: Rosalía de Castro, Alfredo Brañas, o escultor Francisco Asorei, o xeógrafo Domingo Fontán, poeta Ramón Cabanillas e Castelao. Hai anos visitei o Panteón Nacional de Portugal, na vella igrexa de Santa Engracia, en San Vicente de Fóra (Lisboa). Funciona como tal dende 1916, e alí repousan os restos, entre outros, de Fernando Pessoa, Teófilo Braga, Almeida Garret…, mesmo os de Amália Rodrigues e o futbolista Eusebio. No cenotafio figuran dende Vasco de Gama e Enrique o Navegante a Luis de Camoes. No Panteón de Francia, que foi habilitado como tal pola Asemblea Nacional Francesa en 1791, están Víctor Hugo, Voltaire, Rousseau, André Malreaux, Alexandre Dumas, Simone Veil, Josephine Baker… A solución inglesa céntrase na abadía de Westminster, onde está Isaac Newton, entre outros.
A idea dos cenotafios, que son monumentos funerarios, lápidas ou campas, nos que non teñen que estar necesariamente os restos do defunto, parece unha solución para incorporar figuras da nosa historia, nun discurso que esixirá sen dúbida ampliar o espazo da igrexa gótica cara ao exterior, mais que haberá que pensar con sosego e co mesmo consenso que seica vai permitir estabilizar agora o Panteón. Parabéns aos que tal lograron.