Dúbidas sobre un debate

Marina Mayoral
marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

JUAN MEDINA | REUTERS

18 jul 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Vín e oín o debate entre Sánchez e Núñez Feijoo e debo confesar que a actitude da suposta moderadora, unha señora que vestía unha chaqueta branca, sumiume nun mar de confusións. A súa hostilidade cara ao candidato do PP era evidente: non facía preguntas senón que o increpaba dun modo rechamante: pedíalle contas, e desde o seu ton agresivo ata a súa postura corporal, botada cara adiante, con cara de enfado, evidenciaba que non era unha moderadora senón unha inimiga disposta a deixar en mal lugar a Núñez Feijoo. Pola contra, trataba con gran consideración a Sánchez, que interrompía continuamente ao seu opoñente.

Esa señora prexudicou á cadea na que tivo lugar o debate, porque o que un espera nestes casos é imparcialidade, e non a houbo. E a miña dúbida é: tratouse de algo persoal da moderadora que non soubo facer o papel que se lle encomendaba? ou é algo preparado de antemán para favorecer a un dos candidatos? Estamos nunha época en que a manipulación forma parte do vivir cotián. Pero non hai que renderse.

Cóntolles unha anécdota. Unha señora contratou ao que antes se chamaba unha criada e agora traballadora do fogar, que lle dixo que se presentaría na súa casa o luns á primeira hora. A señora díxolle que mellor sería o domingo pola noite para non ter que madrugar, e a moza lle replicou que o domingo tiña o durmir comprometido.

Eu non teño comprometido nin o durmir nin o meu voto. Irei votar pensando no ben común, en que sirva para facer este mundo un pouco mellor: menos ignorante, máis limpo, máis moral... Aos meus oitenta anos! Algúns non temos remedio.