Era o San Cristovo en Cee. Había festa na vila e na casa. Logo da comida, algúns fuximos á cociña. Non estabamos recollendo nin fregando a louza. Sentamos ao redor da mesa e prendemos a tele pequena. Apenas falabamos. Estabamos pendentes do que pasaba con Miguel Ángel Blanco.
Unhas horas antes a banda terrorista ETA secuestrara un edil do concello de Ermua e ameazara con asasinalo se o Goberno non accedía ás súas peticións. Na miña xeración sabiamos ben quen era ETA, xa vivíramos secuestros e atentados. Pero aquilo, con ese sangue frío, xamais.
Cando saltou a noticia, quería que alguén me dixera que o ían liberar custase o que custase, porque era atroz sacrificar unha vida. Lembro mirar a meu pai cos ollos chorosos e, sen intercambiar pregunta con el, advertirme de que non podía ser. Chorei. Claro que chorei.
Naquela cociña, o día da festa, soubemos do achado do seu corpo, aínda cun fío de vida. Desexamos que se obrase o milagre, mais non foi así.
Escoitando o cara a cara electoral (máis ben un puño a puño), a miña filla preguntou quen eran ETA e Miguel Ángel Blanco. Expliqueille: el foi quen nos baixou da inocencia e nos pousou na realidade, un chan tan firme coma areas movedizas. Con el reforzamos a conciencia de que ETA non tiña cabida na nosa sociedade. Por el alzamos as mans brancas ao aire.
Así que, señores Sánchez e Feijoo, non nos toquen iso (nin a moral). Non nos dividan, como están facendo coas vítimas. Neste asunto non deben permitirse fisuras, nin enfrontamentos persoais.