Eloxio da indecisión

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

AYUNTAMIETNO DE MÉRIDA | EUROPAPRESS

22 jul 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Que inxusta é a mala prensa que ten non saber se se sube ou se baixa, ver o vaso medio cheo ou decidir o voto diante da urna, algo que seica fan dous millóns de persoas. Hai algo máis fermoso que un español corrente diante de tres veciños, mirando en fite os apoderados que ostentan no peito as pegatas dos partidos que lle destrozaron intensas noites de insomnio? Onde nacen as utopías se non é nesa dúbida, nese lugar irrepetíbel, nese momento en que alguén se debruza no propio abismo, ese que precede o horizonte da esperanza? Con razón, nos días derradeiros desta e de todas as campañas electorais do mundo, os sisudos analistas procuran con intensidade case sentimental seducir as utopías agochadas no señor que observa con ansiedade a morea de papeletas que procuran facer realidade distintos soños.

A indecisión é o líquido amniótico das ideoloxías. Grazas aos indecisos naceron os pequenos logros que fixeron que saísemos das cavernas, nun espazo onde, coma no comezo de Cen anos de soidade, aínda non existía nada máis que catro casas cutres e o xeo: nin esquerdas nin dereitas, só un mundo de liberdades por descubrir. A indecisión, en fin, é a esencia da democracia, ese lugar onde cómpre pensar e, sobre todo, soñar, sen dogmas nin credos.

Cada indeciso diante dos tres veciños e os apoderados coas súas pegatas é alguén que resistiu ás baleiras frases feitas, ás promesas sen razón e á manipulacións interesada de quen saben que votamos co corazón. Mais na indecisión radica a esperanza de que a razón oriente o voto de quen, como mandou Descartes, metodicamente dubida. As indecisas do mundo, por iso, deberiamos armar un partido, e con el gobernariamos. Quizais así todo sería algo honesto.