As razóns do corazón

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

23 jul 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Iris Grob, dos Países Baixos, namorou dun mozo galego e aquí está, deprendendo a lingua de noso, que ela quere facer tamén súa. Matriculouse nas xornadas que organizan a Real Academia Galega e a Universidade de Santiago de Compostela e quere empezar dende o principio, no nivel elemental, número 1. Paige Barton, dos Estados Unidos, ubícase nun nivel superior, igual que Mariela Sánchez, arxentina, neta de galegos, o avó de Monterroso e a avoa de Palas de Rei. Vikash Kumar Singh, profesor na universidade Indira Gandi, a maior universidade a distancia do mundo, non é a primeira vez que vén. No seu día traduciu ao hindi poemas de Rosalía de Castro e agora está con Celso Emilio Ferreiro. Son algúns exemplos do medio cento de alumnos e alumnas que asisten este ano ás xornadas. Levabamos tres convocatorias sen actividade, por mor da pandemia, e recuperámolas nesta edición número XXXIII. Vinte nacionalidades diferentes: Reino Unido, Brasil, India, China, Francia, Finlandia, Cuba, Polonia, Rusia….

O caso de Iris Grob non é excepcional. A crónica das xornadas en anos anteriores está chea de situacións parecidas. E mesmo a nosa cultura. Cristina Berg, por exemplo, que foi compañeira de Carlos Casares, era sueca, e Úrsula Heinze, esposa de Ramón Lorenzo, alemá. Das dúas podemos dicir que se achegaron á nosa literatura, da que forman parte, por amor. Aquí botaron raíces e construíron as súas familias. Por iso eu lles dicía ao alumnado desta edición o día da inauguración de Galegos sen fronteiras, que contasen con este factor para incorporarse a nós. Algo bo debemos ter cando dende fóra veñen prender nesta silveira. Todas as armas son boas.

Hai poucos días fallamos o concurso de microrrelatos que convoca a RAG coa Asociación PuntoGal en tres categorías: adultos, xuvenil e infantil. Unha historia en poucas palabras.

Máxima concentración de recursos. Sen desmerecer ningún dos participantes o que máis me impresionou foi unha nena de seis anos que viña de Castrelo de Miño, Mai Lemmen, cunha historia fermosa, breve e intensa: A ratiña saltarica. 40 palabras. Alén da graza do relato, Mai é filla dunha parella de holandeses que hai pouco viñeron establecerse nunha aldea de Castrelo de Miño, porque se namoraron do lugar. Recuperaron unha casa e traballan a distancia aproveitando as tecnoloxías da internet. A nena asiste ao colexio público, fala holandés e castelán e, polo que demostra e confirman as súas profesoras, empeza a moverse moi ben en galego. O pasado xoves volvín ver a Lalo Fernández Galán e a Terry, el madrileño, que se xubilou nos Estados Unidos, ela americana, os fillos polo mundo adiante, mais os dous implicados no activismo cultural en Ferreira do Valadouro.

Repito de novo: algo moi bo debemos ter (e emitir) que activa estas emocións a xente de todo o mundo. Algo que, ás veces, na casa non sempre valoramos.