Oppenheimer

Jorge Mira Pérez
Jorge Mira O MIRADOR DA CIENCIA

OPINIÓN

30 jul 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O físico Robert Oppenheimer (1904-1967), agora tan de moda pola película, fixo achegas científicas nunha abraiante variedade de áreas. En mecánica cuántica (a cuxo nacemento asistiu en Europa a mediados da década de 1920, da man do seu director de tese, o premio Nobel Max Born) é autor, por exemplo, da aproximación que nos permite considerar o átomo como un núcleo estático rodeado por unha nube de electróns. En cosmoloxía foi un dos primeiros en propoñer a idea do que hoxe coñecemos como burato negro. Un dos seus discípulos, Willis Lamb, gañou o Nobel de física polo seu traballo sobre o átomo de hidróxeno. E así poderíamos seguir cunha longa e brillante listaxe.

Obviamente, figura na historia por poñer en marcha e dirixir o laboratorio dos Álamos, núcleo intelectual do proxecto Manhattan, que creou a bomba atómica, unha aventura científica que cambiou a historia da humanidade. Un dos últimos membros vivos daquel equipo, Peter Lax (gañador do premio Abel, o Nobel das matemáticas), foi un dos convidados do Programa ConCiencia en 2007. Nos días que pasou en Galicia lembrounos que non se pode xulgar esa historia cos ollos do presente. El era un dos chamados «marcianos», un grupo de científicos xudeos húngaros que escaparan aos EE.UU. fuxindo dos nazis, e tiña moi claro que naquela época de horror (que vivira moi de cerca en Europa) tiñan que ser os primeiros en ter a bomba. De feito, outro deses marcianos, Edward Teller, foi o pai da bomba de hidróxeno (conseguida en 1952), moito máis potente que a que conseguira o equipo de Oppenheimer en 1945.