En xeral, non me gustan as cadeas. Nin os cadeados. Representan a perda de liberdade, o sometemento. Mais tamén é una serie de cousas, incluso unha agrupación de montañas dispostas en liña, un fenómeno xeográfico ben fermoso que pode determinar ata o clima.
Volvendo á primeira acepción do dicionario, ese obxecto constituído por unha sucesión de pezas en forma de aro entrelazadas entre si, decido quedar coa forza que representan. Os elos poden formarse por brazos de persoas que se xuntan para conseguir un ben común. Hai un tempo, centos de golfiños varados nunha praia puideron ser devoltos ao seu hábitat natural grazas a unha cadea humana que os foi reconducindo mar aberto. Hai uns días, un par de surfistas e unha cadea humana tamén conseguiron salvar a oito persoas que estaban a piques de morrer afogadas nunha praia de Murcia.
Hai cadeas boas, necesarias e ata máxicas. Cadeas que medran desde o corazón.
Cando era unha nena, vía na tele unha serie de debuxos animados que se chamaba Os osos amorosos. Dedicábanse a facer o ben polo mundo. Como axuda, contaban cun raio que lles saía do bandullo e que, automaticamente, convertía todo o malo en bo. Á rapazada da miña época encantaríanos ter un osiño deses, que funcionase fóra da pantalla. Daquela non o entendín, pero agora creo que o obxectivo da serie era dicirnos que todos tiñamos ese poder dentro, o de facer o ben. Ás veces non chegaba coa luz interior de cadaquén, sendo preciso a comunidade, a cadea. Temos, se queremos, ese poder.